A Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia esixe o mantemento nos centros educativos dos cupos docentes e do resto de persoal contratado no curso pasado

CONTIDO DO ESCRITO REMITIDO:

Ante o inicio dun novo curso escolar, e coñecéndose a evolución da pandemia, desde a Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia facemos constar a nosa fonda preocupación pola relaxación das medidas para garantir a seguridade e a saúde das/dos traballadores dos centros educativos, do alumnado e das súas familias, e instamos á Consellería a dar marcha atrás aos recortes na saúde das persoas que participamos na educación.

Ás organizacións integrantes desta plataforma sorpréndenos de xeito negativo que, tanto na conferencia sectorial como no resto dos foros onde se debaten as medidas de saúde e seguridade do entorno educativo, non se conte cos representantes dos diferentes sectores da comunidade educativa. Lamentamos a falta de liderazgo do Ministerio de Educación e os acordos tomados na conferencia sectorial que permiten a esta Consellería recortar recursos imprescindibles.

Igual que fixemos o curso pasado, seguimos esixindo a presencialidade segura do alumnado en todas as etapas educativas, e, por elo, non entendemos que as administracións educativas revertan os cupos extra que se contrataron o curso pasado en vez de amplialos para garantir esta esixible presencialidade segura. Rexeitamos que se reduza a distancia de seguridade do alumnado de 1,5 m a 1,2 m, xa que se demostrou útil para previr os contaxios. Non se entende esta redución de distancia nas aulas cando noutros espazos incluindo o exterior se segue a manter a distancia de 1,5 m.

É sabido que , como o resto da sociedade, o alumnado, as súas familias e tamén o profesorado vimos sufrindo situacións límite ao longo da pandemia co obxectivo de avanzar no proceso educativo con profesionalidade e dilixencia. A Covid-19 puxo en evidencia realidades tales como o alumnado que require de reforzos e apoios académicos, psicosociais e emocionais; profesorado extenuado e familias esgotadas. De aí que non se entenda, nin poidamos aceptar, que se recorte no apoio ao proceso de ensinanza-aprendizaxe. Máxime cando tanto a comunidade educativa como a sociedade confirmaron con claridade que os beneficios de aumentar significativamente o persoal nos centros educativos van moito máis aló do aspecto sanitario, e que inciden na calidade educativa, na mellora do proceso de ensinanza-aprendizaxe, o adecuado manexo da convivencia nos centros educativos, unha mellor atención ás familias, o incremento nos indicadores da atención á diversidade e un longo etc.

Por todo isto, desde a Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia esiximos o mantemento nos centros educativos dos cupos docentes e do resto de persoal contratado no curso pasado, así como o seu incremento para estender a baixada de ratios, a presencialidade en todas as etapas educativas non universitarias, e a continuidade do requisito de 1,5 m de distancia de seguridade, contando con tal fin cos correspondentes fondos europeos. Esiximos que se manteñan os desdobres do curso pasado e que non se pechen aulas.

Rexeitamos de maneira contundente que se rebaixen os requisitos que permitan garantir a seguridade, a saúde e os reforzos educativos e recordamos que os fondos que se asignan ás comunidades autónomas por parte do Goberno deberán ir obrigatoriamente asociados a manter e mellorar as medidas do curso pasado.

As organizacións que formamos parte da Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia promoveremos actuacións e mobilizacións conxuntas da comunidade educativa tanto a nivel estatal como autonómico.