CCOO dá un golpe na Mesa e abandona a reunión do 11 de xuño

Esperpéntica, surrealista, grotesca, insultante. Son algúns dos cualificativos cos que poderiamos definir a reunión de Mesa Negociadora do pasado 11 de xuño. 

Publicado o 14 de xuño de 2021

Despois de case tres horas e media nas que CCOO, unha vez máis, expuxo propostas encamiñadas a desencallar unha situación de bloqueo, a incompetencia e a actitude vergonzosa da patronal maioritaria (ACADE) cara á nosa organización levounos a abandonar a reunión. Incomódalles que sexamos o sindicato maioritario, que teñamos máis do 40 % de representatividade e que lle montaramos unha folga con gran repercusión mediática que puxo ao descuberto as súas vergoñas. O seu menosprezo é a desconsideración ás miles de traballadoras que representamos, e iso non o imos tolerar.

Cando todo indicaba que o acordo estaba ao alcance da man, logo dunha intensa mañá de traballo sobre as propostas expostas por CCOO, ACADE desmárcase no último momento, para sorpresa e enfado do resto de organizacións patronais e sindicais, e, nun exercicio de hipocrisía absoluta, pretende facernos crer que o que se acordou en realidade non era así.

A nosa posición, sobradamente coñecida, xirou arredor de tres cuestións:

  • Recoñecemento do dereito das educadoras a percibir un diferencial retributivo sobre outras categorías con diferentes responsabilidades e titulacións requiridas.
  • Adecuación das táboas salariais aos reais decretos sobre SMI.
  • Oposición á proposta patronal de incrementar en 10 euros as retribucións das educadoras de centros privados de xestión directa desde setembro de 2021.

O acordo nos dous primeiros puntos era unha realidade, co que CCOO alcanzaba os seus obxectivos e, por tanto, retiraba as demandas interpostas na Audiencia Nacional. De momento non será así. Sobre o terceiro punto, a negativa patronal a aceptar propostas que permitan ir incrementando ese diferencial no tempo resulta inadmisible para CCOO. A dignidade das educadoras non se compra cun billete de 10 euros.

Cabe lembrar que o resto de sindicatos, logo de asinaren un acordo na mediación realizada para adecuar as táboas salariais ao SMI, como consecuencia da demanda interposta pola CIG, negáronse sistematicamente a trasladar o comprometido ao convenio. O non polo non ao que nos ten afeito este sindicato adquire trazas de ridiculez cando se lles dá a razón pero se opoñen a plasmalo no convenio, eludindo así a súa responsabilidade e contaxiando o resto de organizacións sindicais, que tamén se negan. Parece que a súa dependencia respecto das accións e decisións que tomamos en CCOO failles entrar en contradicións dese calado.

Desde CCOO estaremos expectantes ante os posibles movementos do banco patronal. Se non houber noticias nos próximos días, será a Audiencia Nacional a que acabe ditando sentenza.

CCOO DEFENDE OS DEREITOS E LOITA POLA MELLORA DAS CONDICIÓNS
DAS TRABALLADORAS DA EDUCACIÓN INFANTIL

Por uns soldos dignos na Educación Infantil 0-3!

CON CCOO LOITAS, CON CCOO AVANZAS