CCOO Ensino e o resto de organizacións sindicais asinantes do acordo de interinos demandan unha xuntanza tanto da comisión de seguimento do acordo como co propio conselleiro para organizar o persoal do vindeiro curso escolar

Non se coñece a situación do vindeiro curso con respecto á pandemia e a vacinación de menores, polo que consideramos imprescindible organizalo coa mesma dotación deste, respectando a distancia de 1,5 metros entre postos escolares.

É preciso, para garantir a presencialidade segura en todas as etapas educativas, respectar as medidas de seguridade e saúde. Isto require manter as contratacións formalizadas como consecuencia da pandemia e aumentar o número de docentes nas etapas educativas de educación infantil e primaria. En Galicia, as prazas que se aumentaron neste curso escolar foron arredor de 2600.

Máis alá de cumprir as medidas sanitarias e de seguridade, reivindicamos a mellora na educación coa redución do número de alumnado por aula.

  – A ratio das aulas é un factor importante nos resultados das e dos escolares.

  – En igualdade de condicións, aumentar a ratio dunha aula danará os resultados do alumnado.

  – A evidencia suxire que elevar o número de escolares na aula prexudicará non só a puntuación nas probas dos nenos e as nenas a curto prazo, senón tamén a súa formación a longo prazo.

  – O diñeiro aforrado hoxe ao incrementar a ratio das clases terá custos sociais e educativos maiores no futuro.

As comunidades disporán de 10.000 millóns de euros dos fondos europeos de reconstrución para o período 2021-2022, destinados preferentemente á sanidade, educación e políticas sociais, aos que se suman 13.400 procedentes de facenda.

A propia ministra anima as comunidades a manter as distancias e o investimento no vindeiro curso escolar. Xa hai varias comunidades que anunciaron o mantemento e aumento das medidas covid, como son Navarra, Cantabria ou Baleares, entre outras.

O beneficio que supón a baixada da ratio nunha aula é unha medida para garantir a equidade, xa que é maior para as nenas e nenos de baixos ingresos e minorías sociais, mentres que calquera aumento desta será, posiblemente, máis prexudicial nestas poboacións.

Así mesmo, é fundamental prorrogar a contratación do resto de persoal de servizos complementarios que se realizou este curso aumentándoo para afrontar todas as tarefas esenciais dos centros educativos; sen este persoal non se podería garantir o seu correcto funcionamento.

A campaña iniciada polas catro organizacións sindicais, recolle as seguintes accións:

–  SOLICITUDE COMISIÓN DE SEGUIMENTO ACORDO ACCESO LISTAS INTERINIDADE

–  CARTA  AO CONSELLEIRO PARA SOLICITAR UNHA ENTREVISTA

–  PETICIÓN DE APROBACIÓN DE RESOLUCIÓNS NOS CLAUSTROS E CONSELLOS ESCOLARES

–  RESOLUCIÓNS DAS CATRO XUNTAS DE PERSOAL PROVINCIAIS.