Conferencia de prensa: As federacións de Ensino de CCOO, ANPE, UGT-Servizos Públicos e CSIF analizan a necesidade da prórroga das medidas de apoio ao ensino pola COVID-19

Mañá martes, día 8 de xuño, estas organizacións sindicais darán unha conferencia de prensa na que analizarán a situación, no relativo a medios humanos e materiais, do eido educativo galego de cara ao vindeiro curso e demandarán a prórroga das medidas de apoio que se puxeron en marcha no actual curso, en especial o referido á contratación de profesorado, pola COVID-19 de cara ao vindeiro curso 2021-2022

Publicado o 07 de xuño de 2021

As catro organizacións sindicais dirixíronse por escrito ao conselleiro de Educación para solicitar a prórroga do persoal docente contratado este curso, xa que as circunstancias que forzaron a súa incorporación non desapareceron nin o farán a curto prazo.

Como se recolle en diversos informes destes sindicatos, as contratacións esixidas pola pandemia de covid-19 e a redución de ratios permitiron facer fronte á situación de crise, cunha atención máis individualizada.

Segundo os cálculos actualizados, en Galicia serían arredor de 2600 as prazas que se aumentaron neste curso escolar.

As OOSS prentenden iniciar o vindeiro curso escolar coas máximas garantías sanitarias e de persoal co fin de garantir a presencialidade segura e a calidade no ensino.