Nota informativa respecto da RPT que afecta ao persoal non docente dos centros de ensino

A convocatoria desta xuntanza tiña a única intención de modificar a RPT para amortizar 13 postos de funcionarios non docentes e 10 de persoal laboral coa escusa de que non están ocupados e coa pretensión de crear, a cambio, postos de carácter administrativo, maioritariamente xefaturas de sección e técnicos de Cultura.

A última RPT de persoal laboral publicouse no DOG en xaneiro de 2015 e xa quedaran sen incluír daquela postos de nova creación que, xunto cos que se foron creando, ascenden a día de hoxe a máis de 280 novos postos, a maioría de persoal auxiliar coidador/a e intérpretes de lingua de signos.

Esta demora na actualización da RPT impediu que moitas/os traballadoras/es non estean a percibir os complementos salariais que si percibe o resto do colectivo. Exemplo disto son os auxiliares coidadores e intérpretes de lingua de signos, que non cobran o complemento B14 nin o B18 que si cobran o resto dos compañeiros.

Por outra banda, desde CCOO Ensino tamén se lle fixo saber ao representante da Consellería que os colectivos de limpeza e cociña, que demostraron ser esenciais no mantemento dos protocolos hixiénicos-sanitarios e na prevención da covid-19, viron o seu traballo incrementado considerablemente dende o inicio da pandemia sen que se reforzasen os servizos con novo persoal, a excepción de 77 medias xornadas de limpadoras para toda Galicia que resultaron absolutamente insuficientes.

Nas alegacións presentadas solicitouse que as/os coidadoras/es dos CEE foran da RPT do centro, e así deixar de utilizalos para substitución noutros centros, deixando o centro de orixe sen traballador/a. Estas substitucións deberían cubrirse a través das listas de contratación temporal.

O representante de Educación trasladou o compromiso de sacar en breve a RPT coas incorporacións dos postos vacantes que faltan.

Desde CCOO ENSINO seguiremos exixindo esa actualización da RPT e tamén a negociación da redución das ratios para todo o persoal non docente dos centros de ensino