A orde de calendario escolar establece que o período de adaptación en EI se estenderá ata o 21 de setembro e non será voluntario para as familias

O intento da Consellería de Educación de eliminar o período de adaptación ao facelo voluntario para as familias e acurtalo no tempo foi freado grazas á resposta dos claustros dunha gran maioría dos CEIP da nosa comunidade.

En CCOO Ensino, entendemos desde o inicio desta problemática que eran os claustros, e non só o profesorado de modo individual, os que tiñan que responder a un movemento da Consellería sobre unha cuestión tan importante como a adaptación dos nenos e nenas de 3 anos. 

A Administración educativa pretendía que as familias se visen forzadas a unha confrontación entre a conciliación laboral e familiar e o dereito do alumnado a tal período de adaptación e conseguir os obxectivos deste. 

Esta decisión era unha ataque á autonomía pedagóxica do profesorado e un desprezo á súa profesionalidade.

CCOO Ensino xa mostramos o noso rexeitamento na mesa sectorial do pasado 15 de abril, esixindolle á Administración que o retirase do borrador da orde do calendario escolar. 

A nosa proposta ía encamiñada, e así segue sendo, a considerar que o período de adaptación dos nenos de 3 anos de EI debe abranguer todo o mes de setembro como máximo, deixando aos centros a posibilidade de reducilo, de ser o caso. Finalmente, será ata o 21 de setembro.

Desde a nosa organización sindical, queremos agradecer esas achegas de tantas resolucións dos claustros que nos permitiron presionar a Consellería cun grande apoio e lograr a súa rectificación.