Convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, de postos de directores e directoras da Rede de centros integrados de formación profesional de Galicia

Requisitos dos candidatos

Para participar nesta convocatoria deberanse reunir os seguintes requisitos:

a) Ser funcionaria ou funcionario de carreira dun corpo docente a que se refire a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

b) Estar en situación de servizo activo.

c) Ter unha antigüidade de, polo menos, tres anos como funcionaria ou funcionario de carreira na función pública docente.

Solicitudes

A solicitude de participación nesta convocatoria dirixirase á Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e presentarase no Rexistro Único da Xunta de Galicia, nos seus departamentos territoriais ou nas oficinas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, no prazo de cinco (5) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o modelo que se inclúe como anexo II.

No caso de que se opte por presentar a solicitude ante unha oficina de Correos, farase en sobre aberto, para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario de Correos antes de ser certificada.

Documentación

Os/as aspirantes deberán xuntar á petición un curriculum vitae e xustificar, mediante certificación ou copia compulsada, os méritos que aleguen.

Non se terán que presentar aqueles documentos xustificativos de méritos alegados e xa achegados polos concursantes para completaren o seu expediente persoal na aplicación informática a través do enderezo www.edu.xunta.es/datospersoais

Aqueles méritos alegados e non xustificados documentalmente non se terán en conta.