Educación Infantil (0-3 anos)

CENTROS DE ASISTENCIA E EDUCACIÓN INFANTIL

Na reunión mantida este mércores 26 de maio as organizacións patronais, ante a presión exercida por CCOO, víronse forzadas a variar a súa posición inicial e trasladaron ás organizacións sindicais a súa disposición a recoñecer explicitamente, mediante acordo da Mesa Negociadora, o dereito das educadoras (aquelas que están fóra do ámbito da xestión indirecta) a percibir nas súas retribucións un diferencial sobre outras categorías con responsabilidades e titulación requirida diferentes. A cambio pediron que CCOO retire a demanda que temos interposta na Audiencia Nacional. 

Por outra banda, ante a proposta patronal que consiste en sumar 10 € ao salario mensual das educadoras desde o 1 de setembro de 2021, CCOO volveu a expresar que seguimos considerando esta subida como insuficiente. Así mesmo, lembramos que CCOO ten outra demanda interposta ante a Audiencia Nacional para que se declaren nulos os importes inferiores ao SMI das táboas salariais e que estas se adecúen ao establecido nos Reais Decretos sobre SMI.

Inicialmente as patronais mostráronse esquivas e distantes ás formulacións de CCOO polo que manifestamos que se non se producían avances denunciariamos o XII Convenio Colectivo coa intención de empezar a negociar o XIII de maneira inmediata. Neste sentido, convidamos ao resto de organizacións sindicais a que se adhiran a esa posible denuncia.

Para a próxima reunión, fixada para o venres 11 de xuño, CCOO presentará a súa proposta de redactado para definir o diferencial retributivo das educadoras, así como a nosa formulación relativa á adecuación das táboas salariais ao SMI. En caso de non chegar a acordo procederemos a denunciar o actual Convenio Colectivo.

CCOO DEFENDE OS DEREITOS E LOITA POLA MELLORA DAS CONDICIÓNS DAS TRABALLADORAS DA EDUCACIÓN INFANTIL

Por uns soldos dignos na Educación Infantil 0-3!

CON CCOO LOITAS, CON CCOO AVANZAS