CCOO esíxelle ao Goberno medidas eficaces e con seguridade xurídica para solucionar o problema da temporalidade no sector público

No proceso actual de negociación co Ministerio de Política Territorial e Función Pública, CCOO considera indispensable que primeiro se defina a solución ao actual problema da temporalidade e o proceso para a estabilización do persoal temporal e, asemade, se poñan as medidas e se realicen as correspondentes modificacións normativas para que non se volva producir o abuso. Non se poderá chegar a un acordo se non se plasman conxuntamente ambas as cuestións.

CCOO coida inaceptable que calquera medida para evitar abusos na temporalidade penalice as traballadoras e traballadores, sexa un atranco para o crecemento dos cadros de persoal ou impida a cobertura das prazas.

Para solucionar o problema, é imprescindible:

  • Convocar este ano todas as ofertas de emprego público pendentes e os correspondentes procesos de estabilización e consolidación.
  • Eliminar a taxa de reposición como referencia para a limitación do número de prazas das ofertas de emprego público, así como situar a temporalidade por baixo do 8 % en todas as administracións e o sector público, dando así cumprimento íntegro aos acordos subscritos no 2017 e 2018.
  • Os procesos de consolidación e estabilización deben levarse a cabo con seguridade xurídica, nos marcos legais establecidos e recoñecéndose ao máximo a experiencia profesional do persoal interino ou temporal, atendendo á súa situación e establecendo sistemas encamiñados á consolidación do emprego.

CCOO considera fundamental que o procedemento reúna todas as garantías para que realmente se cumpra. Debe ser claramente efectivo para que o persoal temporal estabilice e consolide as prazas e se reduzan de vez e de forma permanente a precariedade e a temporalidade no emprego público.

Por suposto, non se poden dar as inaceptables situacións de incumprimento dos acordos que se produciron no pasado e han establecerse os mecanismos sancionadores oportunos para evitalo.

Para iso, debe asegurarse que en ningún caso sexan as empregadas e empregados públicos os penalizados. Nese sentido, as modificacións normativas han conter elementos disuasorios e eficaces abondo, que eviten o abuso ou a fraude, onde a sanción e responsabilidade recaian sobre os verdadeiros incumpridores da norma, isto é, os responsables e xestores públicos.

O sindicato insiste en que, amais de tratar o problema da temporalidade —hai consenso en que é un dos temas máis urxentes e ao que hai que lle dar prioridade na negociación xunto coa provisión de postos de traballo e a promoción interna—, é necesario un novo acordo de lexislatura no se inclúan outros temas fundamentais, como son a carreira e cualificación profesional, a xornada laboral, seguir avanzando na recuperación de poder adquisitivo, plans de igualdade e formación, mellora das condicións laborais e de xubilación, rexuvenecemento dos cadros de persoal e modernización da administración pública, entre outros.

CCOO quere un acordo que se cinga aos elementos que enunciamos, para o que manifestamos a nosa predisposición, co tempo necesario de debate e negociación.