Concentración diante do Parlamento en defensa da Universidade Pública Galega

CCOO Ensino, contra a creación dunha universidade privada en Galicia

Publicado o 25 de maio de 2021

A Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública, da que forma parte a CCOO-Ensino, volveu facer público o seu rexeitamento á creación dunha universidade privada en Galicia.

Na concentración de hoxe diante do Parlamento galego, día en que se toma en consideración o proxecto de lei para a creación da universidade privada vinculada a Abanca, as organizacións sindicais, profesionais e estudantís que conformamos a Plataforma Galega reafirmamos a nosa crítica ao proceso iniciado polo Goberno de Feijóo en contra das tres universidades públicas, que conxuntamente se pronunciaron na defensa do carácter público dos estudos superiores.

CCOO Ensino defende que non é necesaria unha universidade privada, xa que a ampla oferta académica do SUG, cunha importante especialización nos diferentes campus, responde perfectamente á demanda existente e onde non chega é simplemente polas limitacións fixadas pola propia Xunta de Galicia.