Toda a información sobre a Mesa Sectorial do 18 de maio

Nesta mesa tratáronse os seguintes documentos:

 Intervención de CCOO Ensino e, en cor vermello, as contestacións da Consellería:

 

  1. Decreto XX/2021, do __ de ____, polo que se crea o Centro de Innovación Educativa e Dixital

— Consideramos que, antes de crear un novo centro dedicado a innovación, debe consolidarse o Centro Autonómico de Formación e Innovación, reforzando a súa estrutura e creando, se é necesario, novos departamentos que respondan ás novas realidades de ensino dixital e virtual. NON ACEPTADO.

 Solicitamos información sobre como pode afectar a creación do novo centro aos postos de traballo destinados actualmente no CAFI. ANALIZARÁN SE SON NECESARIOS AXUSTES TRAS A CREACIÓN DO NOVO CENTRO.

— Consideramos imprescindible, para fomentar a innovación educativa e dixital entre o profesorado, máis horario para coordinación e colaboración docente e, polo tanto, a redución de horario lectivo e a recuperación das 18/21 horas máximas de horario lectivo do profesorado. NON RESPONDEN.

— Ante a estrutura tan básica do centro que avanza o decreto, demandamos coñecer cantos departamentos se prevén ou, polo menos, a temática e áreas que se van traballar. NON ACEPTADO.

  Canto a emendas de artigos concretos:

  • No artigo 2, debería facerse referencia á colaboración coa Universidade e/ou outras entidades que traballen no ámbito de innovación educativa. NON RESPONDEN.
  • No artigo 3: Consideramos que a secretaría debería ser substituída por unha vicedirección polo tipo de funcións asignadas. NON RESPONDEN.
  • No artigo 4: 
    • A dirección debe ser seleccionada por concurso de méritos. NON ACEPTADO.
    • Deberían recollerse nun punto as posibles causas do cesamento da dirección. NON RESPONDEN.
    • Coma no caso dos asesores, debe recollerse a obrigatoriedade de participación da dirección en accións de formación inicial así como de formación continua. NON RESPONDEN.
  • Artigo 6: A xefatura do Departamento debería ter unha duración de dous anos para poder facer un traballo estable con continuidade.  NON RESPONDEN.
  • Artigo 7: Consideramos que se debe retirar o requisito de ter destino definitivo. ACEPTADO.

 

  1. Proxecto de Decreto polo que se crea o Centro Galego de Innovación da FP

 Compartimos que a innovación en FP conte cunha estrutura específica, xa que esta etapa ten unhas características ben distintas ao resto das etapas educativas anteriores á universidade. 

— Esiximos unha explicación sobre o peso que se da á Deputación de Ourense no Consello Executivo do novo centro, cando o labor do centro non é exclusivo para a provincia de Ourense e irradia a toda a comunidade. Propomos, por tanto, que, de ter que estar representadas as deputacións provinciais, han estar representadas cada unha delas. NON ACEPTADO.

— Solicitamos que se concrete a representación dos axentes económicos e sociais, que nos parece escasa. Consideramos que as organizacións sindicais máis representativas debemos estar neste órgano e non por quendas, senón de forma simultánea.  NON ACEPTADO. A ADMINISTRACIÓN CONTESTA QUE NON HABERÁ NINGUNHA REPRESENTACIÓN DE AXENTES ECONÓMICOS E SOCIAIS.

 No Consello Executivo debería estar tamén persoal asesor que preste servizos no propio centro. NON RESPONDEN.

Consideramos que o posto de directora ou director debe cubrirse por concurso de méritos NON ACEPTADO.

 A persoa que exerza a dirección debe ser elexida, consideramos, entre o persoal funcionario de carreira que imparta ensinanzas na FP e non en calquera corpo docente que non imparta nas ditas ensinanzas. ESTUDIARANO.

— Consideramos que aprobar os orzamentos debe ser unha función do Consello Executivo e non da dirección de forma unipersoal. NON RESPONDEN.

— Consideramos que a secretaría debería ser substituída por unha vicedirección polo tipo de funcións asignadas. NON RESPONDEN.

— A xefatura de área debe ter un nomeamento de, polo menos, dous anos, para dar continuidade ao traballo iniciado que pode non estar rematado nun só ano. NON RESPONDEN.

— Consideramos que deberan aparecer no decreto as áreas mínimas con que se crea o Centro, deixando a posibilidade de incrementalas en función das necesidades detectadas. NON RESPONDEN.

— Demandamos información  sobre se coa creación do novo centro se pretende trasladar toda a formación da FP a este centro, dende CAFI e CFR,  ou só a relacionada coas novas tecnoloxías. NON PRETENDEN TRASLADAR TODA A FORMACIÓN DE FP A ESTE CENTRO.

 

  1. Licenzas formación para o curso 2021/22

— Demandamos que se incorporen a esta oferta licenzas para rematar estudos universitarios ou para amplialos. Para CCOO segue sendo inadmisible que non existan este tipo de licenzas que melloran a cualificación e formación do profesorado. NON ACEPTADO.

— Solicitamos a recuperación de licenzas semestrais e incluso anuais, e non só cunha duración máxima trimestral. NON ACEPTADO.

— Seguimos manifestando a nosa desconformidade coa desaparición das licenzas non retribuídas, tal e como ocorreu en anteriores convocatorias.

Consideramos que os proxectos que poidan dar lugar a licenzas de formación non estean única e exclusivamente vencellados ás TIC. Consideramos que os proxectos e a elaboración de materiais curriculares non só deben circunscribirse a este tipo de ferramentas. PARA A CONSELLERÍA É A PRIORIDADE ACTUALMENTE.

— Consideramos que deberían incrementarse o número máximo de meses de licenzas concedidas, xa que hai as mesmas licenzas que na última convocatoria: 500 meses. Pero menor investimento pois as licenzas de perfeccionamento en linguas estranxeiras no exterior se cambian por proxectos individuais para os cursos de especialización de FP que teñen menos custo. NON ACEPTADO.

 No artigo 1. Valoramos que se teña en conta a todo o profesorado, pero seguimos a botar en falta entre os destinatarios o persoal dos EOE. NON RESPONDEN.

Solicitamos que se nos dea unha data determinada sobre a publicación no portal educativo das suxestións para as temáticas de contidos correspondentes á modalidade 2. NON RESPONDEN.

 No punto 3. 1, consideramos que non deben excluírse as comisións de servizo por concelleiro. NON RESPONDEN.

 No artigo 6. Entendemos que a comisión de selección debera ter máis especialistas. Así evitariamos a posible incorporación posterior de asesores na subcomisión técnica. NON RESPONDEN.

 No baremo: consideramos que hai que darlle menor peso ao proxecto de traballo. NON RESPONDEN.

— Solicitamos que se engada un apartado que puntúe a acreditación do nivel C1 e C2 do MCERL para aqueles proxectos que requiran a elaboración de materiais curriculares plurilingües. NON RESPONDEN.

— Esiximos un incremento de puntuación en cursos impartidos (3.1), xa que no baremo actual a puntuación en cursos impartidos é bastante inferior aos cursos recibidos. NON RESPONDEN.

— No anexo IX, consideramos que os criterios de valoración dos proxectos son demasiado xenéricos e amplos e que deben explicitarse algúns ítem que permitisen unha mellor obxectividade na valoración. NON RESPONDEN.

 

  1. Rogos e preguntas

Rogos e preguntas dirixidos a aspectos de competencia propia da  Secretaria Xeral de Educación:

 

  • Ante a preocupación e a incerteza de moitos opositores/as pola posibilidade da publicación no DOG da orde que desenvolve o decreto 229 de atención á diversidade, instamos a Secretaría Xeral a que confirme, a un mes do inicio do procedemento selectivo, se teñen previsto publicar a orde no DOG antes do inicio do proceso selectivo. Insistimos en que dende CCOO consideramos que publicalo antes desa data causaría un grave prexuízo aos opositores de especialidades do corpo de mestres (sobre todo PT e AL), pero tamén de Orientación Secundaria, xa que deberían modificar gran parte dos temas, xustificación lexislativa dos supostos prácticos ademais de boa parte do plan anual de orientación, plan de apoio e programas de intervención. ESTÁ EN TRAMITACIÓN E NON SABEN CANDO SE PUBLICARÁ NO DOG.
  • Solicitamos que se nos remita coa máxima antelación posible e se estableza un calendario de negociación amplo dos futuros decretos e ordes de desenvolvemento dos regulamentos orgánicos de centro que están a piques de traerse á mesa sectorial. NON PODEN RESPONDER. NON SABEN OS PRAZOS NIN TEÑEN DATAS FIXADAS. PERO NON CONSIDERAN QUE HAXA PRAZO PARA QUE ENTREN EN VIXENCIA PARA O CURSO 2021/22.
  • Solicitamos que, tras 11 anos cunha orde “experimental” de FP a distancia, se aproveite o afán da Administración —que se ve nos puntos do día desta mesa da pola innovación e actualización dixital— en promulgar de vez unha orde “definitiva” que rexa os ciclos formativos para persoas adultas na modalidade modular a distancia. NON O CONSIDERAN POR AGORA
  • Esiximos de novo un cambio de datas de probas libres de EOI de inglés e galego os días 1 e 2 de xullo de 2021, e que se realicen coa segunda convocatoria oficial en setembro, xa que a fixación en tales datas incumpre as propias instrucións e circulares da Secretaria Xeral de Educación e a orde de calendario escolar. Ademais, nesa época boa parte de profesorado do EOI, sobre todo de inglés, se atopa en pleno proceso de concurso oposición. NON HAI CAMBIOS NAS DATAS.
  • Solicitamos se atendan as demandas dos centros, enviadas por medio dos numerosos escritos remitidos polos claustros, en contra da redución da duración e a flexibilación do período de adaptación en EI que recolle o borrador da Orde de Calendario escolar. ESTUDARÁN SE INCLÚEN CAMBIOS, E COMPROMÉTENSE A TOMAR EN CONSIDERACIÓN AS NOSAS ACHEGAS.

 

As cuestións dirixidas á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos sobre procedementos selectivos, cátedras, etc. que levabamos non puideron ser respondidas, xa que na Mesa de hoxe só estaban representando a Administración integrantes da Secretaría Xeral de Educación.