XVI Convenio colectivo de centros e servizos de atención 
a personas con discapacidade

Resumo das propostas de CCOO

Este documento é un resumo das achegas máis relevantes realizadas pola afiliación de CCOO para o desenvolvemento do novo XVI Convenio colectivo e que formarán parte da plataforma reivindicativa que se está confeccionando.

O pasado 10 de marzo constituíuse a mesa negociadora, na que a parte sindical quedou composta por CCOO cun 53,96 % de representatividade e UGT cun 46,04 %.

  • Retribucións

CCOO lembra que os incrementos salariais para o 2022 xa quedaron pactados no XV Convenio.

CCOO propón para técnicos/as auxiliares un salario base que nunca estea por debaixo do SMI que se fixe en cada momento.

CCOO propón que se garanta un diferencial salarial para técnicos/as con respecto a técnicos/as auxiliares.

  • Complemento de desenvolvemento e capacitación profesional

CCOO propón establecer un novo nivel, N3, que se comezará a percibir  a partir do 1 de xaneiro do 2025 e que terá unha contía de, como mínimo, o 5,5 % do salario base que establezan as táboas salariais no momento da súa percepción.

  • Complemento por traballo en domingos e días festivos

CCOO propón unha retribución das horas traballadas en domingos de 3,5 €/hora.

CCOO propón que teñan a consideración de festivos o 24 e o 31 de decembro mais o 5 de xaneiro, así como os 14 festivos legalmente establecidos.

CCOO propón que o persoal que traballe nun dos catorce festivos tipificados no artigo 37.2 do Estatuto dos Traballadores, así como o 24 e o 31 de decembro mais o 5 de xaneiro, teña dereito a percibir unha retribución de 4,5 € por hora e un día laboral de descanso elixido polo traballador ou traballadora.

  • Complemento de nocturnidade

CCOO propón o aumento deste complemento do 25 % actual ao 50 % do salario base da categoría.

  • Complemento de quendas

CCOO propón para este complemento un 20 % do salario base da categoría.

  • Complemento de penosidade/perigosidade

CCOO propón para este complemento un 20 % do salario base da categoría.

  • Complemento específico

CCOO propón que todos os traballadores e traballadoras de atención directa que presten os seus servizos na atención a persoas con discapacidade e trastorno de conduta perciban ese complemento.

  • Horas extraordinarias

CCOO lembra que o compromiso existente no sector é de non utilización das horas extraordinarias pero, en caso de necesidade e de ter que facelas, que estas se aboen a 1,75 € de máis sobre a hora de traballo ordinaria.

  • Contratación temporal

CCOO propón que os contratos temporais en ningún caso poidan superar o 20 % do persoal contratado pola empresa.

  • Extinción de contratos

CCOO propón que nos supostos de extinción do contrato se teña dereito a percibir a indemnización, incluíndo as melloras salariais que deriven do asinamento deste convenio colectivo, aínda que este se produza con posterioridade á extinción do contrato.

  • Descanso diario e semanal

CCOO propón que, nas residencias e pisos tutelados, o descanso semanal coincida obrigatoriamente na fin de semana, polo menos dúas veces cada catro semanas.

CCOO propón que os tempos de descanso, independentemente de para que se empreguen, sexan considerados tempo efectivo de traballo.

CCOO propón establecer con carácter xeral un descanso na xornada de 30 minutos, que será computado dentro da xornada laboral sempre que non se superen as cinco horas continuadas de traballo.

  • Xornada de traballo

CCOO propón establecer unha xornada anual de 1680 horas para os centros de atención especializada e para os centros especiais de emprego.

CCOO propón establecer unha xornada anual de 1180 horas para o persoal docente dos centros educativos, de 1400 para o persoal complementario titulado e auxiliar e de 1600 para o PAS. 

  • Redución de xornada

CCOO propón que as persoas traballadoras poidan reducir de xeito voluntario a súa xornada laboral nun 10 %, mantendo íntegras as súas retribucións, sempre que teñan cumpridos os 63 anos de idade e teñan recoñecidos 15 anos de servizos efectivos na mesma empresa.

CCOO propón a cotización do 100 % da base reguladora durante todo o tempo que dure a redución de xornada por coidado de familiar ou menor. Ampliación do límite de idade de 12 a 14 anos.

  • Vacacións

CCOO propón que a maioría do cadro de persoal poida gozalas nos meses de verán.

  • Incapacidade temporal

CCOO propón que na segunda baixa do traballador ou traballadora no ano natural se perciba o 75 % da retribución mensual ordinaria ata a fin da baixa. Na terceira baixa que tiver o/a traballador/a no mesmo ano natural, durante os tres primeiros días percibirá o 60 % da retribución mensual ordinaria como complemento a cargo da empresa; a partir do cuarto día e ata a fin da baixa, complementará a empresa o que falte para completar o 75 % da súa retribución mensual ordinaria.

CCOO propón que nos centros educativos todos os traballadores/as en situación de incapacidade temporal e durante os sete primeiros meses reciban o complemento necesario ata completar o 100 % da súa retribución salarial total, incluídos os incrementos salariais producidos no período de baixa. Por cada trienio engadirase un mes máis.

CCOO propón que as pagas extraordinarias que perciba o/a traballador/a non se vexan reducidas como consecuencia das situacións de IT que pasase durante os períodos de devindicación daquelas.

  • Permisos retribuídos

CCOO propón ampliar os supostos para a disposición da bolsa de 20 horas. En caso de familia numerosa, disporase de 30 horas.

CCOO propón que, no caso de matrimonio ou unión de feito, se poida empezar a gozar dos quince días desde tres días antes do feito causante.

CCOO propón tres días de asuntos propios.

  • Permisos non retribuídos

CCOO propón aumentar ata dous permisos ao ano, cun máximo de 120 días.

  • Excedencia voluntaria

CCOO propón que a excedencia voluntaria sexa con reserva do posto de traballo durante un ano.

  • Excedencia por violencia de xénero

CCOO propón que as vítimas de violencia de xénero poidan acollerse a unha situación de excedencia especial, cunha duración que poderá estar comprendida entre os tres meses e os tres anos. Durante os dezaoito primeiros meses, terase dereito á reserva do posto de traballo.

  • Clasificación profesional 

CCOO propón a realización dun sistema de clasificación profesional axustado á realidade dun sector que está en continua adaptación e movemento, regulando novas figuras como os mediadores comunicativos ou os intérpretes de lingua de signos, entre outras.

  • Dereitos sindicais

CCOO propón que, en caso de subrogación en licitacións públicas, a empresa entrante manteña a representación legal dos traballadores e traballadoras da empresa saínte sen mingua dos dereitos establecidos na lei actual para a dita representación.

CCOO propón que calquera persoa traballadora afiliada a un sindicato e as que desempeñen cargos nas organizacións sindicais máis representativas teñan os dereitos expresados na lei. 

  • Plans de igualdade

CCOO propón que todas as empresas do sector teñan a obriga de elaborar un plan de igualdade, independentemente do número de persoas traballadoras.

  • Vixilancia da saúde 

CCOO propón recoller no convenio que o tempo utilizado para realizar o recoñecemento médico, incluído o tempo de desprazamento, sexa a cargo da xornada laboral e considerado tempo efectivo de traballo.

CON CCOO LOITAS, CON CCOO AVANZAS