VII CONVENIO COLECTIVO DE ENSINO CONCERTADO. Xuntanza do 30 de abril

Ámbito temporal

Ata o 31 de decembro de 2024. Inclúese unha cláusula de ultraactividade, de xeito que o convenio se prorroga automaticamente á finalización do prazo de vixencia e ata a publicación dun novo convenio colectivo. 

Permisos

Para os permisos recollidos no artigo 38, 2 e 3:

    • Se o inicio é en día festivo, comezará a contar o primeiro día laborable.
    • Se o feito causante que orixina o dereito ao permiso se produce cando a persoa traballadora completase o 70 % da xornada, este contará desde o día seguinte.
    • Se, iniciado o permiso, se inclúe algún día da fin de semana considerado non laborable para o/a traballador/a, non se terá en conta no cómputo.

O permiso por hospitalización poderá iniciarse mentres dure o feito causante e, unha vez iniciado, os días de gozo serán continuados.

Créase unha bolsa dun máximo de 20 horas anuais para a asistencia a consultas médicas da persoa traballadora, de fillos/as menores de idade, de cónxuxe e de pais e de familiares ata o primeiro grao de consanguinidade ou afinidade que non poidan valerse en por si. Tamén se recolle a asistencia a titorías de fillos/as menores, ata un máximo de 10 horas anuais con cargo á bolsa de 20 horas.

O permiso por matrimonio amplíase para as parellas de feito. Os 15 días naturais poderán empezar a gozarse desde 3 días antes.

Suspensións e excedencias

Excedencia voluntaria con posibilidade de pactar entre as partes a reserva do posto de traballo e a súa duración.

Excedencia por vítimas de violencia de xénero cunha duración de entre 3 meses e 1 ano e reserva do posto de traballo mentres dure.

Cesamentos voluntarios

Redúcese a 15 días o prazo de preaviso do persoal docente que avise a dirección ou titularidade do colexio de que está nas listas de acceso a postos en centros públicos.

Xornada do PAS

Redúcese progresivamente a xornada do PAS para quedar en 1570 horas ao ano. No 2022 a xornada será de 1590 horas; en 2023 será de 1580 horas; en 2024 será de 1570.

A xornada quedará en 38 horas semanais, con carácter referencial.

Xornada do persoal docente

Cando se produzan acordos de incremento de ratios nas comunidades autónomas, ou estas xa tivesen ratios suficientes para iso, poderanse subscribir acordos nos que terán prioridade a redución dunha hora de carga lectiva para o persoal docente maior de 58 anos.

Contratación eventual

Regúlase no convenio a ampliación da duración que permite o Estatuto dos traballadores, 18 meses, para casos de situación excepcional que sexa constatada e aprobada pola comisión paritaria.

Vacacións e períodos sen actividade

O capítulo II do título III pasa a titularse «Vacacións e períodos sen actividade». 

O artigo 32 pasa a titularse «Réxime xeral de vacacións». O cálculo das vacacións para gozar ou compensar economicamente, nos casos en que proceda legalmente, realizarase sobre a base de cálculo das ditas vacacións.

O artigo 33 pasa a titularse «Períodos sen actividade do persoal docente».

O artigo 35 pasa a titularse «Vacacións do persoal complementario titulado e de administración e servizos».

Engádese un artigo 35 bis coa denominación «Períodos sen actividade do persoal complementario titulado e de administración e servizos».

Outros complementos salariais

Posibilidade de negociar nas CCAA outros complementos, como os sexenios.

Control de xornada

Modifícanse os puntos 7 e 17 do acordo de rexistro de xornada, que quedan así: 

(7) Se, por motivos de organización, a persoa traballadora dispuxer de tempo libre entre clases, estará a disposición do empresario. Non obstante, a empresa poderá acordar coa persoa a ausencia do centro de traballo, en cada ocasión ou coa temporalidade máxima dun curso, en cuxo caso non será considerado tempo de traballo. 

(17) Cando á persoa traballadora se lle encomende a realización de xestións fóra do centro educativo, levarase un control horario en documento separado, quedando reflectido o tempo empregado. Modificar os puntos 7 e 17 do acordo conforme a proposta do banco sindical. 

Comisión de traballo para desenvolver durante a vixencia do convenio

Créase unha comisión de traballo que se reunirá, sempre que for necesario, por proposta de cada unha das partes asinantes do convenio colectivo. Esa comisión constituirase dentro do primeiro mes desde a publicación do convenio colectivo no BOE.

Os temas que tratará a comisión serán, polo menos: xornada de traballo (teletraballo, desconexión dixital, actividade lectiva/non lectiva…), clasificación profesional, revisión do título VI e réxime dos cursos de formación e perfeccionamento profesional. 

Actualización salarial

2 % en 2020 e 0,9 % en 2021 para o PAS e niveis non concertados.

Límite temporal de 3 meses para o asinamento das táboas desde a publicación no BOE. Este límite só se aplicará durante a vixencia do convenio, e non será aplicable despois da denuncia.

Incluiranse táboas salariais de Primaria e primeiro ciclo da ESO para unidades sen réxime de concerto.

Unha vez recollida a opinión da nosa afiliación, CCOO trasladará a decisión sobre o asinamento do preacordo ao resto de organizacións sindicais e patronais que conforman a Mesa Negociadora.

 

CON CCOO LOITAS, CON CCOO AVANZAS