CCOO pídelle ao Ministerio de Educación a prórroga das contratacións docentes na Conferencia Sectorial de Educación

As circunstancias que fixeron necesaria a contratación de máis de 36 000 docentes durante o curso 2020/2021 para facer fronte ao impacto da covid-19 na educación non desapareceron nin se prevé que o fagan a curto prazo. De aí que, no informe «Prórroga de las contrataciones originadas por la pandemia de Covid-19 y reducción de ratios», CCOO exixa que se manteñan as contratacións en todas as comunidades autónomas. Isto sería posible cun plan de investimento plurianual de 2 654 470 608,75 euros para a redución xeneralizada das ‘ratios’ no Estado, o que levaría a aumentar o persoal en 63 886 docentes máis respecto ao curso 2019-2020.

Publicado o 30 de abril de 2021

CCOO pide que non haxa comunidades de primeira e de segunda.

A pandemia causada pola covid-19 obrigou, en marzo do pasado ano, a interromper as clases presenciais e a instaurar un dubidoso modelo educativo non presencial durante o que restaba de curso, para o que o sistema educativo non estaba preparado, aínda que en reiteradas ocasións FECCOO demandara unha drástica modernización dos equipos informáticos dos centros, a mellora da conectividade e un ambicioso programa de formación permanente do profesorado no desenvolvemento educativo das TIC. Sen dúbida, isto deu lugar a enormes dificultades nun sistema que non contaba co necesario para afrontar tales retos. Porén, estes foron asumidos con enorme xenerosidade e compromiso pola comunidade educativa en xeral e polo profesorado en particular, cun gran custo persoal e volume de traballo nun tempo récord.

Co inicio de curso, nas diferentes comunidades autónomas, puxéronse en marcha distintos plans para afrontar a situación educativa derivada da pandemia. A gran maioría das CC. AA. apostaron por unha redución, en maior ou menor medida, das ratios, aínda que claramente insuficiente nas etapas de educación non universitaria, como puxo de manifesto o Informe sobre inicio de curso 2020-2021 de FECCOO. Isto trouxo consigo a contratación de profesorado extra para facer fronte á nova situación, pero lonxe do que o sindicato demandara.

Só catro meses despois de iniciado o curso, e a piques de estalar a terceira vaga, o 22 de decembro de 2020 a Comunidade de Madrid decidiu non renovar o contrato a 1170 docentes, o que impulsou mobilizacións no sector. O incremento de profesorado nos centros educativos supuxo unha mellora na educación do alumnado, que gozou dunha atención máis individualizada e maior cantidade de reforzos e apoios que pretendían paliar os efectos negativos do período de confinamento.

Segundo as estimacións realizadas desde a Federación de Ensino de CCOO, o investimento total no Estado que supuxo esta contratación foi de 1 380 297 274,76 euros. Sen dúbida, un esforzo orzamentario que non debe quedar nunha anécdota pandémica e que ha consolidarse e transformarse nunha aposta pola redución das ratios, como medidas de equidade e calidade educativas.

A cifra total de contratacións dista substancialmente da proposta por CCOO, xa que, para a redución da ratio de alumnado a 20 estudantes por unidade ou grupo, o total de docentes que se terían que incorporar ascendería a 63 887.

Desde a Federación de Ensino de CCOO consideramos imprescindible que se manteña durante o seguinte curso a contratación do profesorado que se incorporou en 2020/2021, xa que as circunstancias que fixeron necesarias as medidas de atención educativa para facer fronte ao impacto da covid-19 na educación non desapareceron nin se prevé que o fagan a curto prazo. Desde o Ministerio de Educación e Formación Profesional debe acordarse coas comunidades autónomas, no marco da Conferencia Sectorial, o mantemento destas contratacións, co que se evitaría que haxa territorios de primeira e de segunda.

A Federación de Ensino de CCOO propuxo nas emendas á LOMLOE a redución das ratios na lei, fixándoas en 15 estudantes por unidade en Infantil, 20 en Primaria e Secundaria e 25 no Bacharelato. Segundo os cálculos do sindicato, co volume de contratación destinado a rebaixar as ratios a 20, poderíanse alcanzar as ratios propostas na emenda da LOMLOE.

Neste sentido, desde a Federación de Ensino de CCOO exiximos que se estableza un plan de investimento plurianual de 2 654 470 608,75 euros para a redución das ratios de xeito xeneralizado no Estado, o que levaría a aumentar o persoal en 63 886 docentes máis respecto ao curso 2019-2020. Este incremento permitiría alcanzar a composición óptima dos cadros de persoal canto a idade que establece a OCDE, xa que previsiblemente se incorporarían ás aulas, maioritariamente, docentes menores de 30 anos.