Xuntanza da Comisión de Persoal do 24 de marzo

O mércores, 24 de marzo de 2021, tivo lugar por videoconferencia a xuntanza da Comisión de persoal coa seguinte orde do día: 

Modificación da RPT da ATRIGA: esta modificación puntual da RPT da ATRIGA mellora as condicións retributivas dos postos das xefaturas e subxefaturas de inspección, e abre as segundas á súa provisión por persoal do subgrupo A1. Conseguimos, iso si, que se retiren os méritos por experiencia dos postos do persoal das escalas de enxeñaría e arquitectura e arquitectura técnica, para facilitar a súa provisión e a mobilidade do persoal funcionario, aínda que non podemos apoiar esta modificación sen que a Administración atenda a reivindicación do persoal dos subgrupos C1 e C2, de incremento do seu complemento específico. Polo tanto, optamos pola ABSTENCIÓN. 

Modificación da RPT da AMTEGA: a proposta de modificación da RPT unicamente inclúe aperturas dos postos máis altos da Administración a persoal doutras administracións e a provisión por parte de persoal directivo, sen mellorar nada ao respecto das condicións do persoal da AMTEGA, sen recoñecer complementos pendentes nin crear postos de traballo, así que o noso voto foi EN CONTRA. Modificación de RPT da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda: neste caso o noso voto foi A FAVOR porque do que se trataba era de dar cumprimento ao acordo de condicións de traballo dos axentes forestais e medioambientais (concretamente, á suba dos niveis).

Decreto polo que se convoca o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior de Administración da Xunta de Galicia, escala de letrados: neste caso si podemos dicir que a proposta non se moveu nin unha coma en toda a “negociación”, mantendo unha convocatoria para o acceso a escala de letrados pola quenda de promoción interna exactamente igual que o acceso libre, sen fase de concurso nin redución de temario nin de probas. CCOO presentou un bo número de alegacións ao texto, coa intención de melloralo, que non foron consideradas, polo que o noso voto foi EN CONTRA da proposta. 

O DXFP dá a seguinte información:

– En canto de que teña autorización das autoridades sanitarias, pasarán unha planificación da realización dos procesos selectivos que están pendentes.

– Os temas que afecten ao persoal laboral no Decreto de atención á diversidade nos centros de ensino serán tratados no ámbito de Función Pública e da Mesa Xeral. 

– Están traballando nunhas instrucións para regular as adscricións temporais que pasarán aos sindicatos.