A Consellería envía instrucións aos equipos directivos para actualizar os datos e retomar a vacinación

Á HORA DE RECOLLER OS DATOS, OS EQUIPOS DIRECTIVOS DEBEN TER EN CONTA:

  • Que persoa ou persoas do persoal do centro que desexan ser vacinadas non o foron aínda nin están citadas para a vacinación.
  • Deberán incluír aquel persoal docente e non docente do centro que atenda as ensinanzas de réxime ordinario ou especial (non actividades extraescolares, complementarias ou de verán) así como aqueloutro que atenda o comedor dependente directamente do centro educativo. Tamén o persoal auxiliar de conversa. Cando o persoal corresponda a empresas externas subcontratadas, deberá facelo constar na pregunta correspondente.
  • Deberase incluír a todas as persoas que se atopen nestes supostos, independentemente de que comunicara a incidencia con anterioridade.
  • No caso de centros que conten con persoal de concellos, este deberá incluírse tamén.
  • Non se deben incluír as persoas que foron citadas e ás que, nesta cita, os servizos sanitarios lles indicaron que deberán esperar un tempo por ter padecido recentemente a covid-19. As autoridades sanitarias artellarán os procedementos para a vacinación destas persoas segundo avance o proceso e de acordo coas estratexias de vacinación en curso.
  • Tampouco aquelas persoas ás que, ben na cita, ben no seu servizo sanitario de referencia, se lles indicou que deben ser inoculadas cunha vacina diferente, como Pfizer ou Moderna. A xestión da vacinación de persoas de 65 anos ou menos con esas vacinas correspóndelles aos servizos sanitarios e non forman parte deste proceso.
  • Non se incluirá o persoal de comedores de xestión indirecta.
  • Non se incluirá o alumnado en prácticas e persoal voluntario.

Doutra banda, desde CCOO Ensino demandaremos información clara sobre o proceso de vacinación para o persoal maior de 55 anos, xa que o Ministerio de Sanidade xa aprobou a administración da vacina AstraZeneca para poboación de ata 65 anos. Desde o sindicato entendemos que han ser citadas para vacinar desde este momento.