A Audiencia Nacional establece as datas para a celebración dos xuízos ante as reclamacións rexistradas por CCOO (Centros de asistencia e educación infantil)

O pasado 2 de febreiro as organizacións patronais e sindicais reuníronse  no Servizo Interconfederal de Mediación e Arbitraxe (SIMA) ante a iniciativa de CCOO  para que se recoñecese o dereito das educadoras a cobrar un diferencial respecto doutras categorías profesionais, xa que as táboas salariais vixentes non recoñecen nin remuneran a maior responsabilidade que supón o seu posto de traballo. Ante a negativa das organizacións patronais, especialmente da maioritaria ACADE, CCOO decidiu interpor a correspondente demanda xudicial na Audiencia Nacional. A data do xuízo quedou fixada para o 14 de setembro de 2021.
Da mesma maneira, o 6 de xullo de 2021 celebrarase o xuízo a raíz do conflito colectivo interposto por ILEGALIDADE das táboas salariais, ao recoller cantidades inferiores ao Salario Mínimo Interprofesional establecido para 2020.
CCOO lidera, unha vez máis, a resposta aos intentos patronais de perpetuar a precariedade laboral de miles de traballadoras que coa súa dedicación e esforzo conseguiron atenuar os efectos da pandemia no sector. Especialmente significativo é o caso das educadoras, ás que nin sequera se dignan a recoñecerlles a importancia e complexidade das tarefas que desenvolven.