A Xunta 'esquece' vacinar o persoal dos Centro de Menores malia estar incluídos no grupo 3

Os delegados e delegadas presentaron escritos en Política Social e Sanidade para demandar que, de forma urxente, comecen as citacións 

 

Publicado o 26 de febreiro de 2021

A representación legal dos traballadores e das traballadoras de CIG, CCOO e UGT dos Centros de Menores de Galicia, presentou esta mañá sendas denuncias ante a Consellaría de Política Social e a Dirección Xeral de Saúde Pública para demandar que de inmediato comece o proceso de vacinación fronte ao SARS-Cov-2 de todo o persoal destes centros. 

Cómpre lembrar que a Xunta estableceu un plan Galego de Vacinación ditado ao amparo da Lei orgánica 3/1986, do 14 de abril, de medidas especiais en materia de saúde pública; e da Lei 33/2011, do 4 de Outubro, Xeral de Saúde Pública e da orde da Consellería de Sanidade de 11 de maio de 2018 pola que se regula a realización das vacinacións no sistema sanitario público de Galicia; co obxectivo principal de reducir a morbilidade e mortalidade causada por esta enfermidade, protexendo especialmente a aqueles grupos de poboación con maior vulnerabilidade. 

Dentro desta estratexia de vacinación, os Centros de Menores figuran no grupo 3 (outro persoal de ámbito sanitario) e concretamente no apartado 3B, pero sorprendentemente son "esquecidos" e saltados, e a día de hoxe aínda non se comezou a chamar o persoal, malia que xa se está a administrar a vacina a outros grupos posteriores. Cando os delegados e as delegadas se dirixiron a Política Social para coñecer os motivos deste "esquecemento" non obtiveron ningún tipo explicación ou xustificación ao respecto.

A representación do persoal dos Centros de Menores entende que as doses da vacina dispoñibles son limitadas, mais non conciben que dentro das etapas de vacinación non se respecten as prioridades dos grupos de poboación de vulnerabilidade, risco de padecer una enfermidade pola Covid-19 ou do risco de transmisión, que a propia administración recolle no seu plan de vacinación.

Polas delicadas características intrínsecas deste tipo de centros e debido ao alto nivel de convivencia no seu labor profesional (mesmo nos períodos de corentena máis estrita), e pola protección e estabilidade dos e das menores ao seu cargo, non se atopa explicación á lixeireza e abandono co que a administración pública está a xestionar o acontecido neste sector

Polo tanto, facemos un chamamento ao cumprimento da normativa publicada e que rexe as prioridades dos grupos de vacinación, dando comezo de forma urxente as citacións do persoal deste tipo de centros.

Agardando que sexa do voso interese, un cordial saúdo.