Comunicado conxunto de DE CIG-ENSINO, CCOO-ENSINO, ANPE E FESP-UGT sobre o documento de priorización de colectivos e consideracións sobre a vacinación do persoal dos centros educativos

  PREME PARA DESCARGAR O DOCUMENTO DE PRIORIZACIÓN

A Consellería de Educación e as organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial vimos de consensuar uns criterios de priorización de colectivos dentro do persoal docente maior de 55 anos que tamén se aplicarán ao persoal non docente e do ensino privado de todas as idades. Non serán de aplicación aos docentes de 55 anos ou menor idade xa que como xa se iniciou, provocaría una maior retraso na vacinación.

Publicado o 25 de febreiro de 2021

CCOO ensino, a pesares do descontrol inicial, valora positivamente a rectificación da Consellería para coordinarse coas organizacións sindicais ao fin de levar o proceso de vacinación nos centros educativos con transparencia, control e a maior celeridade tendo en conta aqueles grupos de maior urxencia.

TEXTO CONXUNTO:

A publicación dun documento coa priorización de colectivos para a vacinación do persoal dos centros educativos nace da proposta conxunta das catro organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial (CIG-Ensino, CCOO-Ensino, ANPE e FeSP-UGT) logo do caos provocado pola descoordinación entre Sanidade e Educación, convocando a profesorado sen ningún tipo de criterio nin prioridade no comezo da vacinación, algo absolutamente necesario en previsión de que se poida ralentizar a campaña pola escaseza puntual de vacinas. 

A Consellería de Educación atendeu a demanda sindical e presentou unha proposta de priorización de colectivos que afecta a todo o profesorado maior de 55 anos, xa que a convocatoria do resto está en mans de Sanidade na campaña en marcha. Este profesorado recibirá algunha das vacinas indicadas para esas idades segundo criterios fixados por Saúde Pública. Hai que ter en conta que a Xunta non está en condicións de proporcionar datas orientativas para esa fase cos maiores de 55 anos e que na administración desas vacinas teñen prioridade outros colectivos sociais por razóns de idade (maiores de 80 anos, etc…). De aí que fose especialmente importante estabelecer uns criterios por se a campaña se estende moito no tempo. A prioridade no caso do persoal non docente, do persoal dos centros privados ou doutros colectivos será para todas as idades, xa que a Consellería aínda non remitiu as bases de datos destes colectivos.

Na reunión sindical cos responsables da Consellaría tratáronse determinados temas que estaban a causar dúbidas e malestar entre o profesorado pola falta de información. As organizacións sindicais demandamos que as propostas que lle foron formuladas e a información que se nos deu se incorporasen nun documento para público coñecemento de todo o persoal dos centros docentes.

A Consellería aceptou a proposta sindical de que se estabelecese un mecanismo áxil para poder resolver as incidencias que poden impedir acudir á vacinación, evitando que estas persoas quedasen sen vacinar. 

A Consellería indicou que o documento pactado será remitido a Saúde Pública para a súa consideración, mais que as decisións finais sobre a prioridade, especialmente no caso do persoal non docente, será de Sanidade. Hai que ter conta que o programa de vacinación como grupo 6, no que está incluído o persoal docente, está dirixido ao profesorado mais tanto os sindicatos como a Consellería entendemos que, se así o autoriza Sanidade, o persoal non docente debe estar incluído igualmente. 

As organizacións sindicais instamos á Consellería a que faga as xestións oportunas para que outras Consellerías e administracións con centros educativos poidan incorporarse nesta fase de vacinación.

A decisión sobre a non vacinación de persoal en IT até que se incorpore foi adoptada por Sanidade para todos os sectores e aplicado previamente co persoal sanitario. Igualmente é decisión de Sanidade non vacinar ao alumando que está a facer as prácticas dos Graos ou Mestrados nos centros educativos, como fixo co persoal sanitario en prácticas. 

A principal preocupación das catro organizacións sindicais foi, en todo momento, dotar do maior nivel de garantías o proceso de vacinación, facilitando que todo o persoal poida vacinarse. Lamentamos que estas decisións que agora se negociaron e pactaron non se tiveran tomado con semanas de antelación para poder aplicalas nas mesmas condicións a todo o persoal docente e non docente.