ADMITIDO A TRÁMITE O RECURSO DE CCOO-ENSINO CONTRA A ORDE QUE DISCRIMINA SALARIALMENTE AO PROFESORADO DE REFORZO COVID NO ENSINO CONCERTADO

Na xuntanza coa Consellería de Educación, o 11 de novembro de 2020, CCOO manifestamos a nosa oposición ao trato salarial discrimanatorio  ao  profesorado de reforzo COVID, contratado para garantir as medidas de seguridade decretadas pola propia Administración. 

Entendiamos que a proposta introducía unha dobre escala salarial inxustificable e solicitabamos que este profesorado gozase das mesmas condicións salariais e laborais que os docentes en Pago Delegado. Consideramos inxusto e non axustado a dereito que persoas que desenvolven  exactamene o mesmo traballo  que o profesorado que imparte docencia no ensino concertado non reciba o mesmo trato económico ca o resto do profesorado. 

A Consellería non rectificou a súa decisión e priva a este profesorado do Complemento Retributivo da Comunidade Autónoma, ao redor de 300€ mensuais a cada docente con xornada completa.   

A Administración usa e abusa de artificios como transformar en subvencións e transferir ao capítulo de outros gastos partidas que pola súa natureza deberían figurar na de salarios.  Transferir aos traballadores os custes da crise afectando aos seus salarios e dereitos é unha medida recorrente deste goberno.  

Non nos deixaron outra alternativa que recorrer pola vía contencioso Administrativa contra  a Orde da Consellería de Educación e Universidade, do 13 de novembro de 2020 para que este profesorado goce das mesmas condicións salarias ca os seus compañeiros en pago delegado que imparten docencia na aula do lado.