CCOO-Ensino solicita que o novo complemento para a redución da fenda de xénero (antigo complemento de Maternidade) se inclúa na xubilación anticipada voluntaria do Réxime de Clases Pasivas

O novo complemento publicado no RDL3/2021 que vén a substituír ao anterior complemento de maternidade aplícase a todas as modalidades de xubilación agás na xubilación voluntaria anticipada no réxime de clases pasivas. O sindicato urxe a modificar a normativa para este colectivo que deste modo sofre unha discriminación respecto ao resto do persoal incluído noutros réximes.

Publicado o 17 de febreiro de 2021

O RDL 3/2021 introduce o complemento para a redución da fenda de xénero que consiste nunha cantidade fixa de 27 euros mensuais (14 pagas) por cada filla ou fillo natural ou adoptado ata un máximo de catro para as mulleres que se xubilen polo menos con 65 anos ou por incapacidade ou teñan dereito a pensión de viuvez xeradas a partir do 4 de febreiro de 2021. É dicir, non poden ser beneficiarias aquelas mulleres que se xubilen de forma anticipada.

Este complemento ten vantaxes fronte ao anterior complemento de maternidade porque pode ser aplicado desde o primeiro fillo e recoñece a diversidade nos tipos de familia que existen na sociedade actual.

A pesar da idoneidade da iniciativa, CCOO advirte que se excluíu desta ao colectivo de Clases Pasivas con xubilación anticipada voluntaria. Trátase dunha circunstancia que urxe modificar debido a que afecta a un amplo número de persoas que sofren unha discriminación fronte ao colectivo integrado no Réxime Xeral.

CCOO considera imprescindible a súa corrección no menor tempo posible e a mellora da coordinación entre os ministerios de Seguridade Social e Inclusión e o de Política Territorial e Función Pública para non repetir este tipo de erros. Así mesmo, aprema a mellorar a interlocución coas organizacións sindicais no ámbito de Clases Pasivas, xa que, como o sindicato reiterou en numerosas ocasións, hai  outros aspectos que é necesario abordar con urxencia.

Velaquí podedes ver o resumo da aplicación do complemento