A xunta de persoal docente da Coruña denuncia o deixamento de funcións do xefe territorial

A Permanente da Xunta de Persoal Docente de Centros Públicos non Universitarios da Provincia da Coruña denuncia a negativa do xefe territorial da Consellaría de Educación a reunirse cos representantes sindicais do profesorado, ao que está obrigado.

A Xunta de Persoal Docente non Universitario é a representante dos máis de 12.000 docentes de centros públicos da provincia da Coruña. Para un funcionamento fluído, está constituída unha Permanente formada na actualidade por sete persoas pertencentes ás seis organizacións sindicais con representación na provincia.

Entre as funcións desta Permanente está a de reunirse con periodicidade mensual co xefe territorial, co fin de tratar asuntos relacionados co profesorado. Estas reunións son convocadas polo presidente da Xunta de Persoal, como representante dela, cunha orde do día elaborada pola Permanente.

Indalecio Cabanas, xefe territorial, négase desde o pasado 28 de outubro a reunirse coa representación sindical. Os motivos alegados son varios e cambiantes. 

Cronoloxía dos feitos:

  • O 27 de outubro, o xefe territorial comunica o adiamento da reunión prevista para o mércores 28. Quedamos en que se nos comunicaría nova data.
  • Ante a falta de comunicación da Xefatura, e logo de tentar contactar telefonicamente en varias ocasións, o 25 de novembro envíase un correo instando a que comunique a data da reunión. Contesta o día 18 de decembro nun correo que reproducimos: “Debido a cambios na Consellería de Cultura, Educación e Universidade que afectan directamente á Xefatura de Inspección Educativa da Coruña vémonos na obriga de pospoñer a reunión da xunta de persoal quedando para á volta do Nadal.
    Informaremos a data exacta nos primeiros días de xaneiro.”
  • No mes de xaneiro seguimos sen ter resposta. A Permanente envía o día 28 a convocatoria da reunión para o 3 de febreiro. Respóndennos o 29, propoñendo a reunión para o día 10 de febreiro de xeito telemático. 
  • Esta Permanente manifestou desde o principio que non ía aceptar reunións telemáticas mentres o profesorado estea presencialmente nas aulas e a lexislación o permita .

As razóns polas que o xefe territorial non quere reunirse coa Permanente.

  • A razón temos que buscala en que na orde do día vai un punto no que se lle piden explicacións pola súa actuación no caso do CEIP Luís Seoane de Mera e mesmo a súa dimisión. Este feito constátase en que agora propón celebrar a próxima reunión coa modificación da orde do día, eliminando ese punto. Algo inaudito porque non lle corresponde ao xefe territorial decidir que puntos deben tratarse, con independencia de que queira responder aos puntos ou non. 

 

A Permanente da Xunta de Persoal Docente non Universitario denuncia:

1.- O xefe territorial négase a manter unha reunión presencial, na que estaremos nove persoas, coa desculpa da situación sanitaria ao tempo que obriga os máis de 12.000 docentes da provincia a que impartan aulas a 25/30 alumnos/as en clases que non sempre permiten manter a distancia social. 

2.- O edificio da Delegación da Xunta de Galicia dispón de espazos axeitados para que se poida desenvolver esa reunión con seguridade sanitaria e confortablemente”, como vén facendo esta Permanente no salón de actos do edificio. 

3.- O xefe territorial da Consellaría de Educación actúa libremente e con total incoherencia cos seus homónimos do resto das provincias, onde veñen realizándose as reunións coa representación sindical presencialmente. Do mesmo xeito que se celebran reunións de moitas máis persoas na Consellería de Educación, como as da Mesa Sectorial ou mesmo do Consello Escolar de Galicia.

4.- A súa liña de actuación provocou que A Coruña fora a única provincia na que non se celebrou a reunión de negociación de vacantes do CXT, como é preceptivo.

Por todo o anterior, instamos o xefe territorial a que rectifique e dea exemplo ante a comunidade educativa asumindo as súas responsabilidades. 

Nun contexto en que:
O profesorado e o alumnado están obrigados a asistir ás clases presenciais en aulas conxeladas.

  • Centos de docentes traballan sendo persoas de risco por motivos de saúde.
  • Docentes conviventes de familiares sospeitosos de estar contaxiados de coronavirus obrigados a acudir ao centro.

Resulta inmoral e inxustificable a actitude do máximo responsable da Consellería de Educación da Coruña.

Esta Permanente esixe que cumpra coas súas obrigas.