CCOO-Ensino esíxelle transparencia á Consellería e que informe do seu plan de transformación de IES en Centros Integrados de FP

O sindicato presenta unha solicitude na que esixe os datos destas transformacións e a convocatoria da Mesa Sectorial para negociar as condicións do traslado do profesorado afectado.

 

Publicado o 05 de febreiro de 2021

O profesorado de determinados centros da comunidade infórmanos de que a inspección educativa lles comunica que o seu centro de Ensino Secundario e Bacharelato vai ser transformado en Centro Integrado de Formación Profesional, o que motivaría un cambio de ensinanzas neles e o traslado a outro centro das ensinanzas distintas ás de formación profesional.

Estes cambios de ensinanzas implicarán o traslado forzoso do profesorado que imparte na ESO e no Bacharelato a outros centros da localidade e, xa que logo, afectara as súas condicións laborais. Desde a Consellería non se clarifica nin cando nin como se realizará a transformación; se será efectiva para o vindeiro curso ou para o seguinte e, polo tanto, estanse a xerar situacións de incerteza e intranquilidade no profesorado afectado.

Este plan de transformacións estase efectuando sen transparencia, sen informar as representacións legais das traballadoras e traballadores. A isto súmanse os atrancos que estamos a topar para contactar cos responsables da Consellería, que o único que fan e dar a resposta do mudo. Esta situación reproduce as condicións en que se realizou á ultima transformación en CIFP, alá polo 2011, polo actual responsable da Secretaría Xeral de Educación, de costas á comunidade educativa e dos e das representantes legais do profesorado.

CCOO-Ensino consideramos fundamental ter os datos destas modificacións para establecer a foto fixa da rede de Centros Integrados de FP e en que condicións e tempo se vai realizar o cambio de centro do profesorado. Por este motivo, tamén esiximos a Convocatoria da Mesa Sectorial para establecer os cadros de persoal nos centros receptores do profesorado afectado e poder propor e coñecer as cautelas necesarias no Concurso de Traslados deste ano para asegurar prazas suficientes na localidade para o profesorado que poida quedar desprazado ou suprimido.