CCOO interpón demanda na Audiencia Nacional en defensa das retribucións das educadoras

Tras a reunión mantida este 2 de febreiro no SIMA (Servizo Interconfederal de Mediación e Arbitraxe), e ante a negativa das organizacións patronais a recoñecer o dereito das educadoras para cobrar un diferencial respecto a outras categorías profesionais, CCOO decidiu interpoñer a correspondente demanda xudicial na Audiencia Nacional. 

Publicado o 03 de febreiro de 2021

Posteriormente celebrouse a reunión da Mesa Negociadora na que os asinantes do acordo no SIMA da semana pasada (todas as organizacións excepto CCOO) debían ratificar o acordo, trasladando uns salarios de 950€ mensuais, incluíndo o das educadoras. Esas táboas salariais non recoñecen nin remuneran a maior responsabilidade que implica a súa categoría. Asinalo nos termos que pretendían as patronais, supón aceptar e consolidar unha indiferenciación salarial que rexeitamos. 

A sorpresa chegou cando o sindicato CIG anunciou que non pensaba asinar as táboas, desdicíndose do que acordou hai unha semana e non aceptando o resultado dun acordo que resolvía as esixencias da súa propia demanda. Mesmo cando lles dan a razón, din non. 

O resto de organizacións sindicais que tamén acordaron no SIMA tampouco quixeron asinalas e decidiron continuar coa reunión a próxima semana. Agora recoñecen o seu erro e asumen o que CCOO viñemos defendendo desde a negociación do convenio. 

O barullo das táboas salariais e os conflitos presentes son o resultado de decisións precipitadas e derrotistas das organizacións asinantes do convenio. Decisións que ocasionaron e ocasionan prexuízos importantes, especialmente no capítulo de retribucións.  CCOO coas nosas accións tratamos de emendalos, pero todo sería máis fácil e seguro se iso fora resolto na súa orixe. 

CCOO é un sindicato serio e coherente. A semana pasada xa mostramos o noso rexeitamento á decisión de renunciar aos dereitos das educadoras no acordo e dixemos que, se non se lles daba unha solución, xudicializariamos a súa discriminación. E iso fixemos. CCOO non deixa a ninguén atrás! 

Por uns soldos dignos na Educación Infantil 0-3!

CON CCOO LOITAS, CON CCOO AVANZAS