CCOO-Ensino denuncia que MUFACE e o SERGAS non están a realizar os cribados ao persoal funcionario que ten prestación sanitaria con entidades privadas

Os cribados poboacionais que se están a realizar nestes momentos en Santiago, A Coruña ou Vigo e os que se realizaron noutras zonas como Ourense, Ribadavia… exclúen o profesorado e o persoal non docente que non ten o SERGAS como entidade médica.

Nesta situación de pandemia, afrontamos un probema de saúde pública e desde o sindicato entendemos que as probas deben estenderse a toda a poboación das zonas afectadas; de ter que discriminar os grupos poboacionais, o criterio nunca debe ser que as persoas seleccionadas teñan un tipo ou outros de asistencia sanitaria. Alén disto, o profesorado está en contacto directo co alumnado nas súas aulas durante a xornada escolar e debería ser un dos grupos poboacionais aos que se fixeran as probas, como demandamos en numerosas ocasións e sobre todo na volta ás aulas despois do Nadal.

Actuacións como as que nos ocupan son unha temeridade desde o punto de vista sanitario posto que unha parte moi importante das traballadoras e traballadores da Consellería de Educación non están a recibir o mesmo trato ca o resto da poboación. Os cribados masivos son un elemento importante na loita contra a covid-19 e para coñecer a situación real nas aulas, especialmente nos concellos ou áreas sanitarias máis afectadas, polo que debe ser un elemento fundamental para acometer  accións contra a pandemia.

CCOO-Ensino esixe ás autoridades sanitarias que inclúan nos cribados poboacionais as empregadas e empregados públicos que están en entidades sanitarias que non sexan o SERGAS .