Convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados de lingua galega Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4

No caso dos cursos en liña, as persoas solicitantes deberán dispoñer dun equipamento informático que cumpra, como mínimo, os seguintes requisitos técnicos:

– Un ordenador con conexión á internet.

– A conta de correo electrónico especificada na solicitude.

– Un micrófono ou calquera medio alternativo que permita a gravación de voz.

Como navegador web, recoméndase ter instalada a última versión de Firefox.

Para solicitar un curso en liña de Celga 2, Celga 3 ou Celga 4 será requisito indispensable o seguinte:

a) Se se solicita un curso destinado á poboación que reside en Galicia, a persoa deberá estar empadroada nalgún dos concellos da provincia galega correspondente.

b) Se se solicita un curso destinado ao resto da poboación, a persoa deberá estar empadroada fóra de Galicia.

Solicitudes e prazo:

  • No caso dos cursos presenciais:

As persoas que desexen participar nestes cursos deberán cubrir o formulario de solicitude, segundo o modelo PL600A, que se publica como anexo I, e dirixilo á xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da provincia que corresponda. Os formularios de solicitude estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal.

No caso de que unha persoa precise apoio para realizar o curso presencial por mor dunha discapacidade, indicará na súa solicitude o apoio concreto que necesita, cuxa concesión será valorada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

  • No caso dos cursos en liña:

As persoas que desexen participar nestes cursos deberán cubrir o formulario de solicitude, segundo o modelo PL600A, que se publica como anexo I, e dirixilo á Secretaría Xeral de Política Lingüística. Os formularios de solicitude estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal.

– Só se poderá presentar unha única solicitude e solicitar un único curso por persoa, aínda que sexan de modalidades distintas. De existir máis dunha solicitude da mesma persoa ou de solicitar esta máis dun curso, anularanse todas as súas peticións.

– O prazo para presentar as solicitudes será de 15 días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.