Menos cantos de serea ao profesorado Técnico de FP

Velaquí podes ver o documento elaborado por CCOO-Ensino analizando a situación do Profesorado técnico de Formación Profesional tras a aprobación da LOMLOE e as propostas para soluciónar a problemática deste colectivo

 Taboa de profesorado e porcentaxe segundo titulacións no corpo de Profesorado Técnico de FP

Datos proporcionados pola Consellería o 29 de Xaneiro 

Publicado o 29 de xaneiro de 2021

A secretaria xeral de FP do Ministerio de Educación e Formación Profesional, Clara Sanz, mantivo reunións con todas as organizacións sindicais por mor da problemática xerada coa extinción do corpo de profesorado técnico de FP, establecida na DA 11ª da LOMLOE.

Disposición adicional undécima. Profesorado do Corpo para extinguir de Profesores Técnicos de Formación Profesional. 

1. Intégranse no corpo de profesores de ensino secundario as especialidades de formación profesional incluídas no corpo para extinguir de profesores técnicos de formación profesional, mantendo a atribución docente recoñecida pola normativa vixente.

2. O Goberno, de acordo coas administracións educativas, establecerá o procedemento para o ingreso neste corpo, así como para o acceso a el do profesorado técnico de formación profesional que estiver en posesión na data de entrada en vigor desta Lei orgánica da titulación de grao universitario, ou equivalente para os efectos de acceso á función pública, nas condicións que se determinen.

3. Os funcionarios de carreira do corpo de profesores técnicos de formación profesional que, por non reunir os requisitos de titulación esixidos na data de entrada en vigor desta Lei, non poidan acceder ao corpo de profesores de ensino secundario, permanecerán no corpo para extinguir de profesores técnicos de formación profesional. Estes profesores manterán a súa especialidade e a atribución docente recoñecida pola normativa vixente.

Asumen que se puideron cometer erros na redacción da LOMLOE, pero non os corrixir cando xa se detectaran e se lles comunicaran non é bo sinal para confiar no que agora se nos di.

Moito insiste o Ministerio na vontade de artellar solucións para ese profesorado, pero semella que pretende que esquezamos que se puido arranxar este problema no trámite parlamentario presentando unha emenda a esa desafortunadamente famosa DA 11ª.

Podemos identificar catro situacións distintas, aínda que non todas son igualmente gravosas para este profesorado:

  1. Profesorado técnico con titulación de grao ou equivalente

En primeiro lugar hai que aclarar o concepto de ‘equivalente’; refírese a titulación equivalente para os efectos de acceso á función pública docente regulado no RD 276/2007 de acceso e ingreso nos corpos docentes. Ao abeiro da actual normativa, a diplomatura, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica non son titulacións equivalentes para os efectos de acceso á función pública en xeral.

O problema deste colectivo concrétase en cando e como accederán ao corpo de PES. Convén recordar que a DA 11ª estableceu o sistema de acceso como fórmula de paso e non optou por unha integración directa. Por moito que insistan en que se establecerá un sistema de acceso áxil mediante un RD específico para este caso, unha vez aprobado correspóndelle á comunidade autónoma a convocatoria de acceso. Aquí é onde xorden novas dúbidas: a que ritmo sairán estas convocatorias?, demoraranas alegando cuestións orzamentarias?, facilitarán o acceso ou dificultarano para atrasar o máis posible o paso ao corpo de PES?...

En todo caso, o profesorado con titulación de grao ou equivalente para os efectos de docencia ten garantido ese paso.

  1. Profesorado técnico con titulación de diplomatura, enxeñaría técnica ou arquitectura técnica

Este colectivo, coa normativa actual, non ten titulación equivalente a grao para os efectos de acceso en xeral; é equivalente só para os efectos de docencia. Agora, o Ministerio empéñase en afirmar que buscará unha solución para este profesorado pero, por que non o incluíron na redacción da DA 11ª da LOMLOE? O Ministerio non aclara como vai introducir este cambio na actual norma de acceso. Certo é que temos moitos casos sen titulación de grao no corpo de PES, pero o cambio de norma non depende só do Ministerio, senón que terá que negociar con Función Pública pois o RDL 5/2015 da Lei do Estatuto básico do empregado público (EBEP) é posterior á normativa de acceso á función pública docente e inclúe atrancos para esta solución.

  1. Profesorado técnico de formación profesional con titulación de FP

Este colectivo, con moi poucas posibilidades de acceso ao corpo de PES, presenta unha problemática ben distinta e enfróntase a unha situación moito máis lesiva ca os dous anteriores que, mesmo coas dificultades descritas, teñen unha expectativa real de acceso ao corpo de PES máis cedo ou máis tarde. 

O Ministerio é moi claro neste caso: nas condicións actuais, non é posible o acceso ao corpo de PES. A solución que esgrime é deixalo como colectivo para extinguir; iso si, mantendo os mesmos dereitos salariais que o profesorado de secundaria e a mesma atribución docente que teñan na actualidade. 

Canto a ter os mesmos dereitos salariais, sae gratis afirmalo porque a secretaria xeral sabe perfectamente que lles corresponde ás comunidades autónomas o recoñecemento do complemento que permita facer realidade esta cuestión.

O Ministerio di que aceptaría un período transitorio para que obtivesen a titulación de grao e así poder acceder ao corpo de PES, aínda que para facer isto cumpriría modificar a LOMLOE, que só recolle as titulacións adquiridas no momento de aprobarse a lei. Cando esta se tramitou, era o momento de establecer disposicións transitorias que solucionasen a problemática; e non foi por non os avisar do problema.

  1. Profesorado interino e/ou substituto e aspirantes á docencia con titulación superior de FP

Este colectivo, xunto co anterior, é o máis prexudicado pola extinción do corpo do profesorado técnico de FP.

Nunha primeira reflexión, o Ministerio parecía optar pola figura do profesorado especialista. CCOO xa advertiu que esa figura, que xa existe e ten unha regulamentación moi restritiva, nunca estivo pensada para postos estables. Asimilar este profesorado á figura de profesorado especialista sería precarizar os seus postos de traballo e pasarían a ser persoal laboral sobre o que o Ministerio non ten competencia ningunha. As condicións de traballo en réxime laboral (non funcionarial) serían as que determinase cada comunidade autónoma.

Que o Ministerio afirme que na nova lei de FP se incluirá a continuidade do profesorado con titulación superior de FP, logo de condenalo noutra lei orgánica á súa extinción, non é fiable e moito menos cando non é capaz de adiantar unha proposta clara con solvencia xurídica.

Para CCOO-Ensino, o profesorado técnico con titulación superior de FP é insubstituíble. Non todas as especialidades que este colectivo imparte teñen reflexo en titulacións universitarias. O traballo deste perfil profesional é incuestionable para unha FP de calidade. O sistema educativo non pode prescindir da formación práctica, que é o piar fundamental da FP, e que unicamente pode garantir a continuidade deste colectivo. A súa desaparición desvalorizaría a FP dunha forma tremenda. Nunca se debeu extinguir o corpo de profesorado técnico de FP; a solución era a súa integración no grupo A1. Está moi ben que se nos diga que se seguirá contando con eles, pero é fundamental que se propoñan fórmulas cribles xuridicamente que aseguren a súa situación.

É imprescindible tranquilizar a todo o colectivo e abrir decontado a negociación que permita desenvolver o regulado na LOMLOE, tendo en conta as seguintes premisas:

  • Paso de todo o profesorado técnico funcionario de carreira con calquera titulación universitaria ao corpo de PES no menor tempo posible, sen pasar por un proceso selectivo ou reducíndoo a un mero concurso de méritos.
  • Que os/as funcionarios/as de carreira sen titulación universitaria poidan acreditala nun marco temporal o máis amplo posible, incorporándose ao grupo A1 nese mesmo momento no seu mesmo posto.
  • Que se articule un marco xuridicamente garantista para manter as condicións do persoal interino existente.
  • Que se manteña nas condicións actuais a todo o profesorado técnico de FP interino que ocupa unha especialidade para a que non existe a titulación de grao. E que os docentes das dez especialidades nas que se accede con titulación superior de FP poidan seguir accedendo á función pública docente.
  • Que se equipare salarialmente a todo o persoal que quede incluído no corpo para extinguir.

Estamos diante dun problema xerado polo lexislador que, nunha sorte de chafallada, non tivo en conta toda a lexislación existente nin as consecuencias no profesorado que actualmente desenvolve a súa actividade na Formación Profesional e que, malia detectar o problema, seguiu adiante coa tramitación da lei, custar o que custar. Pola contra, as afirmacións que fai o Ministerio na súa nota do 22 de xaneiro non aclaran nada nin achegan solucións nin concreción ningunha. O mesmo ocorre con outras organizacións que están a vender solucións fáciles para tranquilizar o colectivo e que só son fume porque topan cunha maraña legal que hai que destecer e que a DA 11ª da LOMLOE contribuíu a facer aínda máis intricada.

CCOO-Ensino seguirá facendo presión no Ministerio de Educación e FP e demandándolle solucións urxentes e áxiles para o profesorado do corpo de técnicos de FP.