Despois de case tres anos de negociación, non exentos de dificultades e tensións, CCOO asinou o III Convenio Colectivo de Ocio educativo e Animación Sociocultural

O convenio asínase logo do preacordo acadado hai uns días na mesa negociadora

Publicado o 26 de xaneiro de 2021

As cuestións máis relevantes son:

Vixencia do convenio ata o 31 de decembro de 2023.

Dereito de subrogación para todas as persoas traballadoras, independentemente da súa modalidade contractual, incluíndo tamén o contrato por obra e servizo, respectando as antigüidades e calquera outro dereito adquirido coa empresa saínte.

Mellora da redacción dos postos de traballo da clasificación profesional. Os postos de controlador de sala e despacho de billetes desvincúlanse do grupo VI - persoal de servizos xerais e pasan ao grupo III - persoal de atención directa en equipamentos de cultura de proximidade e proxectos socioculturais.

Introdución do posto de mediador/a cultural. Queda incluído no grupo III coa mesma remuneración que o mediador/a intercultural educativo.

Acórdase a creación dunha disposición transitoria: Mesa técnica para o estudo da clasificación profesional, co obxectivo de revisar o funcionamento da clasificación e poder propoñer, durante a vixencia do convenio, os cambios que cumpran para a súa correcta aplicación.

 

Permisos

Retribuídos

  • Con respecto ao gozo do permiso por hospitalización de parente ata o segundo grao de consanguinidade, o aproveitamento dos días non ten por que ser consecutivo. 
  • No caso de cambio de domicilio, amplíase a dous días se se produce un cambio de municipio a 100 quilómetros.
  • Para os traballadores que non poidan gozar das 16 semanas de paternidade en caso de nacemento de fillo/a, amplíase de tres a catro o número de días.
  • Dous días en caso de desprazamento en más de 100 quilómetros pola voda dun parente ata o primeiro grao.
  • Un día para a asistencia e realización de exames oficiais que liberen materia.
  • No caso de fillo/a prematuro/a e que requira hospitalización após o parto, os proxenitores poderán ausentarse do traballo durante tres horas, así como reducir a súa xornada de traballo ata un máximo de dúas horas, coa conseguinte diminución salarial.
  • Ata un máximo de tres horas diarias para atender fillos/as prematuros ou acabados de nacer que deban permanecer hospitalizados despois do parto, durante o tempo que dure a hospitalización, sempre e cando non se solicitase redución de xornada por esta mesma circunstancia.

Non retribuídos

  • Todo o persoal pode solicitar ata quince días de permiso sen soldo no transcurso dun ano e, como máximo, poderanse gozar en catro períodos. 
  • Polo tempo indispensable:
    • Para asistencia a titorías e reunións escolares.
    • Para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal.
    • Asistencia médica da propia persoa traballadora nos servizos públicos de saúde.
    • Acompañamento na asistencia médica nos servizos públicos de saúde de fillos/as menores de 18 anos
    • Acompañamento na asistencia médica aos servizos públicos de saúde ata primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, de familiar con discapacidade, idade, accidente ou enfermidade que non poidan valerse en por si.

 

Con respecto ás suspensións do contrato de traballo, actualízase o texto do convenio consonte a nova lexislación, incorporando os novos dereitos por nacemento de fillo/a, adopción e garda con fins de adopción ou acollemento

En materia de igualdade, revísase e actualízase o articulado, e é obrigatorio para todas as empresas a elaboración dos plans de igualdade, co que se elimina o límite de que sexan empresas de máis de 250 traballadores/as.

En materia salarial:

Introdúcese un «complemento de dedicación» de 435,48 euros anuais para aqueles postos que requiran un tempo fóra da xornada laboral dedicado á preparación de materiais, avaliación, programación, reunións, busca de información ou preparación de actividades. Este complemento percibirano mensualmente os postos de:

– mediador/a cultural                                            

– mediador/a intercultural

– experto/a en obradoiros                                   

– monitor/a de ocio educativo e tempo libre

Con respecto ás revisións salariais:

Recóllense unhas táboas xerais de aplicación a todos os traballadores e traballadoras, con excepción daqueles/as cunha actividade non suxeita a contratación pública ou que actualmente estean traballando nun servizo/centro/programa cuxos pregos de licitación estivesen en execución no momento de publicación do convenio.

Canto aos salarios das táboas xerais, de aplicación a traballadores/as cunha actividade que quede incluída en novos pregos (Táboa A) desde o 1 de xaneiro de 2021, acórdase:

–     Para o ano 2019, actualízase o SMI a 950 € para todos os postos de traballo que se encontraran por debaixo.

–     Para outubro de 2020, acórdase un «salario mínimo de convenio» de 1000 euros (14 000 euros anuais).

–     Entre 2019 e 2023, unhas subas do convenio que oscilan entre o 9 % e o 34 %, segundo os postos de traballo. No cálculo destas subas inclúense os incrementos salariais que resultan da aplicación do novo complemento de dedicación para os postos de traballo que o perciban. 

–     O 1 de outubro de 2022, con independencia do estado dos pregos de licitación, todos os traballadores e traballadoras baixo o paraugas deste convenio, sen excepción, rexeranse polas táboas salariais publicadas para o dito ano (Táboa C)

Con respecto á excepcionalidade para os traballadores e traballadoras cuxa actividade non está suxeita a contratación pública ou que estivesen traballando baixo o servizo dun prego en vigor (Táboa B) e non se permitise a revisión das súas partidas económicas, as subas serán do 1 %, despois de aplicar os SMI de 2019 e de 2020, ata a converxencia salarial de outubro de 2022. 

CON CCOO LOITAS CON CCOO AVANZAS