A iniciativa de CCOO de xudicializar o XII convenio colectivo do sector dá os primeiros froitos

O 25 de xaneiro celebrouse o acto de mediación no SIMA (Servizo Interconfederal de Mediación e Arbitraxe), a raíz dos conflitos colectivos interpostos por CCOO e CIG, co obxecto de adecuar as táboas salariais ao SMI (salario mínimo interprofesional). As pretensións de CCOO —a diferenza da CIG que só se centraba no primeiro punto— son dúas:

  1.     Que ningunha traballadora cobre por debaixo dos 950 € mensuais en 2020, sen considerar o CPP (complemento de desenvolvemento e perfeccionamento profesional), xa que, como indica o propio convenio, é un complemento non absorbible e non compensable. Así mesmo, expresamos a mesma pretensión para o 2021 co SMI que se fixe para este ano.
  2.     Que se recoñeza o dereito das educadoras a cobrar un diferencial sobre o resto de categorías, sobre a base da súa formación e responsabilidades.

Se ben as patronais aceptaron o primeiro punto, CCOO decidiu mostrar a súa desaprobación co acordo alcanzado polo resto de organizacións patronais e sindicais (incluíndo a CIG), xa que se pospuxo a nosa pretensión no referente ás educadoras. O motivo do noso conflito abrangue a totalidade das táboas salariais e entendemos que, ata que non se recoñeza o dereito das educadoras a percibir ese diferencial, non podemos avalar o acordado. CCOO non deixa a ninguén atrás.

Grazas á presión exercida por CCOO, o próximo martes celebrarase unha segunda reunión no SIMA da que dependerá a nosa posición final na posterior mesa de negociación. En caso de que as organizacións patronais non recoñezan o dereito das educadoras a percibiren unha retribución por riba doutras categorías, con responsabilidades diferentes, a demanda continuará o seu curso e será presentada na Audiencia Nacional.

Por uns soldos dignos na Educación Infantil 0-3!