CCOO REXEITA O PLAN DE FORMACIÓN PARA A PREVENCIÓN DA COVID NOS CENTROS PRESENTADO POLA CONSELLERÍA NO COMITÉ INTERCENTROS DE SEGURIDADE E SAÚDE LABORAL

A Consellería fai balance no Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral celebrado hoxe das medidas tomadas nos centros educativos durante o primeiro trimestre. CCOO-Ensino non pode valorar máis que negativamente a xestión da pandemia realizada por esta administración.

Velaqui podes ver o resumo da intervención de CCOO-Ensino na xuntanza

Publicado o 22 de decembro de 2020

A Consellería aproveitou a xuntanza para presentar un novo Plan de Formación para a Prevención da Transmisión da Covid 19 nos centros educativos, consistente nun total de 13 accións formativas en modalidade de teleformación de 8 horas de duración cada unha, dirixidas a persoal docente e non docente.

CCOO-Ensino considera que este plan chega demasiado tarde. Dende o comezo da pandemia no mes de marzo, CCOO esixiu en todas as mesas de negociación o inicio de accións formativas que melloraran a prevención do risco de transmisión da COVID 19 en centros educativos a unha Consellería de Educación ausente na saúde laboral das e dos seus traballadores, que só fixo oídos xordos desta petición

Un plan que para CCOO non dá resposta ás necesidades de actualización formativa para o persoal dos centros educativos en materia de prevención e control de transmisión da COVID 19 , xa que “liquida” con 8 horas de cursos adaptados a cada especialdiade, unha formación que debería ser continúa e integral.

CCOO demandou a este Comité Intercentros de Seguridade e Saúde Laboral, que non celebraba sesión dende o mes de maio, unha maior periodicidade nas súas xuntanzas. Na situación de pandemia na que estamos a Consellería debería rendir contas da súa xestión de forma periódica ante os representantes das e dos seus traballadores.

CCOO, demandou o mesmo que leva solicitando dende o mes de maio: a realización por parte da Consellería das avaliacións de riscos de cada posto de traballo tal e como marca o artigo 16 da Lei 31/1995.

CCOO esixiu que se acometa a valoración da totalidade de solicitudes de persoal especialmente sensible ao COVID, reforzando se é preciso os servizos de prevención de riscos laborais da Consellería, xa que na actualidade, segundo cifras que nos pasou a Consellería nesta reunión, máis da metade dos traballadores/as que solicitaron a valoración aínda non recibiron resposta.

CCOO criticou que na actualidade a cualificación de persoal sensible ao COVID este en mans dunha empresa privada subcontratada para ese fin. CCOO continúa a reclamar o reforzamento dos servizos de prevención de riscos laborais da Consellería.

CCOO esixiu na reunión que se dote de forma centralizada e inminente de máscaras protectoras aos centros, e que aqueles docentes en contacto con alumando sospeitoso de ser positivo ou non obrigado a levar mascarilla (alumnado de infantil, educación especial,etc) se lles dote de verdadeiros EPI (máscaras FFP2). 

CCOO esixiu o reforzamento dos servizos de limpeza nos centros educativos, dotando de efectivos a aqueles centros que solicitaran tal reforzo.

CCOO non se esquece doutras materias de saúde laboral ao marxe da COVID 19 e cuxa preocupación  trasladou a Conselllería, como a necesidade de protocolos de acoso laboral nos centros educativos, a presenza de amianto en moitas cubertas de edificios escolares na actualdiade ou o control e medicións de niveis de Radón nos centros educativos…

CCOO finalmente quere agradecer o enorme traballo e adicación do persoal docente e non docente nos centros educativos, xa que é este o que esta conseguindo que os centros educativos non sexan nodos de transmisión da COVID 19, con cifras de incidencia e transmisión moi inferiores a outros ámbitos, a pesar do abandono da Consellería ás e aos seus traballadores, que hoxe volveu a escenificar nesta reunión.