CCOO Ensino e demais organizacións sindicais subscribimos e apoiamos a petición da creación dun conservatorio profesional de danza en Santiago de Compostela

O sindicato agradece á Plataforma o seu esforzo e ideas e apoirá todas as súas iniciativas. Iniciaremos as xestións pertinentes para poder axudar con esta demanda tan importante para a nosa comunidade autónoma.  

Publicado o 17 de decembro de 2020

A Rede de Conservatorios Profesionais dependente da Xunta de Galiza consta de 8 centros, dos cales tan só un é de danza. A forte demanda que experimentou a danza nos últimos anos en toda Galicia fai necesario aumentar o número de centros para posibilitar o estudo a aquelas persoas que o demandan.

As ensinanzas de grao elemental e profesional de danza, ao igual que as de música, cúrsanse entre os 8 e os 18 anos, xeralmente. De aí a dificultade de moitos nenos e nenas para dispoñer de tempo e acompañamento para desprazarse todas as semanas a Lugo, cidade onde se atopa o único centro desta categoría dependente da Consellería de Educación.

É preciso que a Xunta dote de instalacións para a formación profesional en danza, naqueles lugares onde hai unha demanda evidente, como é o caso de Santiago de Compostela, onde existe un número moi importante de escolas de danza, pero que carece da posibilidade de estudos para obter a titulación profesional. Compostela é tamén un lugar estratéxico canto á localización e comunicacións con outras vilas e cidades do centro-sur do territorio galego, ademais de contar co compromiso do Concello de Santiago, cuxo pleno municipal acordou -por maioría- comezar as conversas coa Xunta para dotar a cidade dun conservatorio profesional de danza.

A Plataforma pola Creación dun Conservatorio Profesional de Danza en Santiago de Compostela, logo de recibir máis de catro mil sinaturas de apoio á iniciativa e co ánimo de ampliar a base social, cultural e de organizacións políticas e sindicais, reuníuse o día 11 cos sindicatos de ensino que contan con representación, tanto na Mesa Sectorial como nas Xuntas Provinciais de Persoal.

Así, a totalidade de organizacións convocadas e presentes na reunión, ante a chamada da Plataforma pola Creación dun Conservatorio Profesional de Danza en Santiago de Compostela e logo das conversas mantidas, ACORDAN:

Os sindicatos de ensino CIG, CCOO, ANPE, UGT, STEG e CSIF subscriben e apoian a pretensión da Plataforma para a creación dun conservatorio profesional de danza en Santiago de Compostela e comprométense a traballar no seu ámbito, diante das institucións que correspondan, para alcanzar o dito propósito.