CCOO ensino rexeita o anuncio da Xunta de adiantar a matriculación do vindeiro curso como intento de non aplicar á LOMLOE

Pablo Casado vén de anunciar que nas comunidades gobernadas polo PP van adiantar a matriculación para o 2021/22, de maneira que este curso poida seguir elixindo centro seguindo os criterios actuais, esquivando así a LOMLOE, a nova lei educativa. 

Ao mesmo tempo, a propia Consellería de Educación avanzou que están a estudar a maneira de que a nova lei “afecte o menos posible” á nosa comunidade.

Que un partido que se denomina demócrata e defensor dos valores constitucionais  pretenda non aplicar na súa totalidade unha lei aprobada polo parlamento do estado é unha barbaridade. Logo de secuestrar a xustiza ao non actualizar o Poder Xudicial, o PP volve pretender gobernar sen estar no goberno cunha deslealdade democrática propia doutros tempos.

O Partido Popular segue sen aceptar a nova realidade parlamentaria e non asume que perdeu as eleccións. É inaudito que o mesmo partido que defendeu a capa e espada o cumprimento da legalidade imposta pola LOMCE agora se manifeste favorable ao incumprimento da nova lei.

Desde CCOO ensino estamos a estudar cos nosos servizos xurídicos, no caso de que finalmente ocorra o anunciado, para iniciar o percorrido xudicial pertinente ao fin de protexer que na nosa comunidade se cumpra a lei.

Xa manifestamos que a LOMLOE non era a mellor lei posible, pero que supuña avances importantes no sistema educativo, principalmente a derrogación da LOMCE, a peor lei educativa que xestou a nosa democracia.

Desde CCOO ensino, iniciaremos tamén rolda de contactos tanto no estado como en Galicia co resto de forzas parlamentarias ao fin de buscar accións conxuntas que protexan a inmediata implantación de todos os aspectos da LOMLOE.