A LOMLOE ESTABLECE A INTEGRACIÓN DO PROFESORADO TÉCNICO DE FP NO CORPO DE PES

No texto da Lei remitido ao Senado figura unha Disposición Adicional na que o corpo de PTFP con titulación universitaria ou equivalente  se integra no corpo de PES

Publicado o 09 de decembro de 2020

A DA 11ª da LOMLOE supón a integración do profesorado técnico de FP con titulación de grao ou equivalente no corpo do profesorado de educación secundaria. 

Esta modificación non ven caída do ceo, é a resposta a unha batería de accións que iniciou CCOO xa fai dous anos apremiando ao Ministerio de Educación á que dera os pasos necesarios para a resolución da discriminación existente para o profesorado Técnico de FP con respecto ao profesorado de Secundaria tanto en materia retributiva como en acceso ás pensións ou en relación ás funcións que desempeñan nos centros.

Debemos lembrar que na meirande parte das especialidades do corpo de Profesorado Técnico de FP a titulación esixida para o ingreso no corpo é a mesma que para o corpo de PES e ademais estan a desenvolver as mesmas tarefas que estes.

Ante a calada por resposta do Ministerio, a problemática deste profesorado trasladouse aos grupos parlamentarios antes das eleccións xerais de abril e novembro do 2019 esixindo unha solución urxente.

Ademais iniciouse simultaneamente unha campaña de denuncias individuais para instar aos tribunais a un pronunciamento sobre esta evidente discriminación.

Con motivo da  tramitación da LOMLOE no mes de febreiro de 2020, desde CCOO introducimos emendas que permitisen solventar a situación.

Tal e como esta redatada a disposición adicional 11ª solvéntase a integración no corpo de PES daquel profesorado con titulación universitaria, certo é que queda por resolver que pasaría co profesorado das especialidades nas que se pode acceder coa titulación de Técnico Superior de FP e do profesorado que non ten a titulación universitaria. 

A situación de corpo a extinguir abre incertidumes importantes no que se refire ao colectivo que non está a traballar na actualidade e ao colectivo interino. O que está claro é que esta cuestión é obxecto de negociación coas organizacións sindicais nas mesas correspondentes e que CCOO defenderá conseguir as melloras que a legalidade vixente permita ou incluso a modificación da normativa actual para seguir avanzando.