CCOO-Ensino denuncia que a Consellería de Educación atrasa “SINE DÍE” a valoración das traballadoras e traballadores especialmente sensibles á COVID19

Centos de solicitudes de traballadores/as da Consellería de Educación para ser cualificados como persoal especialmente vulnerable á covid acumúlanse nas catro provincias, sen que se inicie a súa tramitación por parte dunha Consellería absolutamente “desbordada”.

Denunciamos como raíz deste problema, como xa se fixera no mes de maio, a escasa dotación dos servizos de prevención de riscos laborais da Consellería de Educación, reducidos á súa mínima expresión, así como a nula importancia outorgada por parte da Consellería de Educación á saúde laboral dos seus traballadores/as. 

A Federación de Ensino de CCOO esixe, polo tanto, dotación inmediata duns Servizos de Prevención de Riscos Laborais acorde coa gravidade da situación actual de pandemia por COVID-19, para poder realizar a avaliación de todas as solicitudes de vulnerabilidade presentadas por traballadores/as da Consellería.

Denunciamos que as solicitudes de vulnerabilidade do persoal docente dos centros educativos, pola inexistencia dos servizos de Prevención, están en consecuencia, actualmente “subcontradas” en mans dunha empresa privada.

Esiximos á Administración, como leva facendo en todas as mesas de negociación, a avaliación de riscos laborais inherentes a cada posto de traballo, tal e como establece o artigo 16 da Lei 31/1995 para a prevención de riscos laborais.

A Federación de Ensino de CCOO interpoñerá denuncia ante as autoridades laborais e xudiciais pertinentes para asegurar tales demandas, para asegurar o cumplimento da lexislación en materia de riscos laborais e para velar pola seguridade de todos os traballadores e traballadoras.