CCOO-Ensino considera prioritaria a derrogación da LOMCE así como a aprobación dunha nova lei de educación baseada na inclusividade e na equidade que teña como obxectivo o éxito de todo o alumnado.

 Descargar documento en PDF

 

Publicado o 26 de novembro de 2020

Non podemos obviar que a lei Wert suscitou a oposición de todos os grupos parlamentarios e de toda a comunidade educativa. A lei actual conta co apoio de seis grupos parlamentarios. A lei Wert, que é unha lei de partido único (PP), provocou no ano 2013 que toda a oposición parlamentaria, agás Ciudadanos, asinaran o compromiso de derrogar a LOMCE tan axiña como fose posible. Datos importantes que convén ter en conta en calquera análise.

Cómpre dicir que a LOMLOE non é a lei que a nosa organización sindical considera mellor, pero si supón un gran paso adiante na mellora do noso sistema educativo.

Ante a polémica interesada en relación coa LOMLOE promovida polos sectores máis conservadores, desde a Federación do Ensino de CCOO de Galicia presentamos este documento co fin de aclarar os termos máis controvertibles da nova lei educativa, dada a gran cantidade de “fake news” e mentiras que se están a difundir ao respecto.

A liberdade de elección do centro escolar e a suposta vulneración dos dereitos humanos

«Más Plurales» son os encargados neste caso de asegurar que a LOMLOE «rouba a patria potestade dos pais», xa que ao eliminar a «demanda social» redúcese «significativamente a capacidade das familias para elixir o colexio que queren para os seus fillos, dereito avalado pola Declaración Universal dos Dereitos Humanos».

Este criterio da «demanda social», que se introducira na Lei da calidade da educación de Aznar, que a LOE eliminou e que posteriormente recuperou a LOMCE, introducía como novidade que as Administracións debían ter en conta a demanda das familias de matriculacións en centros concertados para planificar a oferta de prazas escolares. Este concepto implica que, mentres os pais elixan levar os seus fillos e fillas a unha escola privada concertada, pagada con fondos públicos, o Estado tería a obriga de financiar esta decisión.

Hai que lembrar que a escola concertada nace como subsidiaria da rede pública, xa que esta non daba absorbido a todo o alumnado que estaba en escolas privadas maioritariamente católicas. Esta, e non outra, é a función que ten calquera concerto como, por exemplo, ocorre coa sanidade pública: no momento en que as prazas públicas non son suficientes, recórrese ao concerto. Pola contra, se trasladásemos á sanidade permitir por lei a planificación con base na demanda social, sería como darlle a toda a cidadanía o dereito de elixir un hospital privado, pagando o servizo con diñeiro público. Isto suporía o desmantelamento e privatización dos servizos públicos. Este novo criterio discrimina o alumnado nas zonas rurais ou deprimidas economicamente, onde non hai oferta privada por non ser rendible desde o punto de vista económico.

A realidade é que o concepto de «demanda social» foi utilizado polos Gobernos das comunidades autónomas para ceder solo público de xeito gratuíto para centros privados de nova creación. A LOMLOE busca evitar a discriminación do alumnado por motivos socieconómicos ou doutra natureza, polo que establece que a creación de novos centros farase tendo en conta a oferta existente de centros públicos.

A lei, ademais, fai fincapé nas comisións de admisión, uns organismos que agora pasan a estar integrados non só por persoal da Administración e dos centros educativos, senón tamén por representantes das familias, do profesorado e do alumnado.

Se queremos acadar os resultados dos países europeos con mellores datos, debemos compararnos con eles en todos os aspectos e, neste sentido, hai que lembrarlle á opinión pública que neses países o ensino público en etapas obrigatorias acada cotas do 90 %. As campañas que os sectores conservadores están difundindo teñen como único obxectivo o mantemento dos seus privilexios.

Promoción

Deberiamos ter superado o debate de se a repetición é un instrumento acaído ou non. Parece que moitos non son capaces de identificar, ignorando multitude de informes, a repetición de curso como un dos problemas máis graves do noso sistema educativo, intimamente relacionado co incremento do abandono temperán.

Desde CCOO Ensino, concordamos con todos os informes internacionais que indican a necesidade de «evitar o recurso da repetición como medio fundamental para tratar os problemas de aprendizaxe». Consideramos que a medida da repetición de curso debe ser excepcional sempre, que unicamente se poida recorrer a ela despois de intentar por outros medios a recuperación das competencias non adquiridas.

No noso sistema educativo abúsase da repetición nas etapas da educación obrigatoria. Isto ten un custo para o sistema superior ao que tería o establecemento de procedementos de detección temperá das dificultades de aprendizaxe, de apoio ao alumnado, de reforzo e recuperación de competencias. Se optamos por reforzar a atención ao alumnado con peor ISEC (índice socioeducativo e cultural), producirase unha maior eficiencia do que algúns denominan gasto que en educación non é tal, senón investimento.

Estas medidas de reforzo e seguimento do alumnado requiren maior dotación de recursos, tanto humanos como materiais, a redución das ratios que permita ao profesorado unha mellor atención e dedicación así como a formación continuada e específica do profesorado.

A nova norma non significa que o alumnado con suspensos deba pasar de curso. É o equipo docente o que decide de forma global e colexiada quen promove cada curso. Son os e as docentes quen mellor coñecen o alumnado e a súa evolución académica.

Nesta liña, a LOMLOE elimina as reválidas e promove a autonomía pedagóxica do profesorado. Esta cuestión non é máis que unha demanda de toda a comunidade educativa avalada por diversos estudos científicos.

Medidas contra a segregación escolar e a igualdade de xénero

A lei inclúe unha batería de medidas encamiñadas a corrixir a distribución do alumnado desfavorecido entre as redes pública e concertada, que agora se matricula de forma desproporcionada na pública. Por exemplo, na pública estudan nove de cada dez rapaces e rapazas dos fogares con menor renda. As comunidades deberán establecer unha proporción equilibrada do alumnado con necesidade específica de apoio educativo que deba ser escolarizado en cada un dos centros públicos e privados concertados. 

O criterio principal para adxudicar unha praza será a proximidade ao domicilio e, case no mesmo nivel, a renda familiar. Todos os centros estarán obrigados a aceptar unha porcentaxe da chamada «matrícula viva»: a de alumnos e alumnas —normalmente proceden dos movementos migratorios— que chegan logo da finalización do período de admisión ordinario ou co curso xa empezado e adoitan acabar maioritariamente en centros públicos.

A lei fai fincapé na promoción da igualdade entre homes e mulleres, un dos elementos transversais en todas as áreas de coñecemento. As comunidades deberán impulsar a presenza de mulleres nas ramas formativas con menor presenza feminina e a masculina naquelas con escaso número de homes. Os colexios que segreguen por sexos non poderán ser concertados. E desde o proxecto educativo co que se presenten os e as aspirantes para dirixir un centro ata os libros de texto, pasando pola formación do profesorado, deberán fomentar a igualdade.

Máis competencias para o consello escolar

O Consello Escolar, no que participan profesores, familias e, a partir de secundaria, o alumnado, recupera as competencias que perdeu coa LOMCE, que o limitou a funcións informativas. Entre elas, aprobará o proxecto educativo e a programación xeral do centro e participará na selección da dirección. A recuperación de competencias é un avance importante que viña demandando a comunidade educativa para unha maior democratización da xestión dos centros educativos.

Educación especial

Desde o pasado confinamento, plataformas como «Educación Inclusiva Sí, Especial También» levan denunciando que a LOMLOE persegue a eliminación dos centros específicos de educación especial. Tamén no Congreso os partidos da dereita esgrimen esta aseveración, que é unha gran mentira. O que a lei expón é un plan a dez anos no que o Goberno e as Administracións educativas traballen de acordo co artigo 24.2.e da Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade de Nacións Unidas e en cumprimento do cuarto obxectivo de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030, para que «os centros ordinarios conten cos recursos necesarios para poder atender nas mellores condicións o alumnado con discapacidade».

O obxectivo é que os centros de educación especial continúen escolarizando os alumnos e alumnas que requiran unha atención moi especializada e que desempeñen a función de centros de referencia e apoio para os centros ordinarios, e non a súa desaparición.

España ten condenas da Comisión de Dereitos de Persoas con Discapacidade da ONU por falta de recursos en centros ordinarios para a escolarización de alumnado con discapacidade. Polo tanto, era imprescindible, ademais de desexable, lexislar máis recursos para eses centros.

Castelán como lingua vehicular

A realidade é que ningunha lei educativa, a excepción da LOMCE, facía referencia ningunha a que o castelán fose ou tivese que ser a lingua vehicular no ensino. As afirmacións de que se trata de algo anticonstitucional non teñen base de ningún tipo. A Constitución fai referencia ao deber de coñecemento das «linguas oficiais», pero en ningures se afirma que o castelán teña que ser a lingua vehicular no ensino. 

Ademais, na única comunidade autónoma onde se aplicou o sistema de inmersión lingüística, Cataluña, o Tribunal Constitucional e o Supremo xa resolveron que o castelán debe ser lingua vehicular e utilizarse en, polo menos, un 25 % do horario lectivo nesta comunidade autónoma. Polo tanto, a realidade é que o que se pretende é garantir que o alumando teña pleno coñecemento e a mesma competencia en todas as linguas oficiais.

Materia de relixión

Afastándonos de toda a polémica que sempre xorde sobre a ensinanza da relixión, o certo é que o único cambio que incorpora a lei afecta a avaliación desta materia. Xa non existe a obriga de cursar unha materia alternativa e a súa cualificación non se terá en conta para a nota media na obtención de bolsas ou no acceso á universidade.

A ensinanza das relixións segue sendo de oferta obrigada para os centros e de carácter voluntario para o alumnado, como ata o de agora.

Disposición adicional sobre o cambio de funcións do persoal docente

O erro de vulto desta lei, sen lugar a dúbidas, é este.

O texto introducido desde as emendas á lei establece que «o persoal funcionario docente que mostre unha manifesta falta de condicións para ocupar un posto docente ou unha notoria falta de rendemento que non comporte inhibición, poderá ser apartado do seu posto de traballo e realizar tarefas que non requiran atención directa ao alumnado».

A disposición adicional precisa que esta decisión «debe ser consecuencia dun expediente que finalice cunha avaliación negativa realizada por inspección educativa».

Estas consideracións sobre o profesorado non teñen cabida nunha lei educativa. O contido desta disposición adicional abre a porta a unha avaliación do desempeño encuberta e evade a obriga de negociar coa representación dos e das docentes.

Ademais, o réxime disciplinario xa aparece incluído no texto refundido do Estatuto Básico do Empregado Público, no seu título VII. No artigo 95.2 g recolle «o notorio incumprimento das funcións esenciais inherentes ao posto de traballo ou funcións encomendadas» como faltas moi graves e, dentro das medidas sancionadoras, no artigo 96.1 d considérase o «traslado forzoso, con ou sen cambio de localidade de residencia, polo período que en cada caso se estableza».

Polo tanto, non ten sentido ningún introducir estes aspectos na lei porque xa están presentes na norma relativa ás relacións laborais das empregadas e empregados públicos.

CCOO ENSINO esixe a súa eliminación no trámite no Senado. O lugar para acometer a regulación do traballo do profesorado e as súas condicións debe ser as mesas de negociación coas organizacións representantes do profesorado. A aprobación dunha lei da profesión docente que se recolle no texto da LOMLOE é o espazo adecuado para tratar estes temas, e non o articulado da lei educativa.

Verdadeiros problemas do sistema educativo

Mentres os sectores máis conservadores pretenden desviar o debate cara a temas como os centros de educación especial, promoción, escola concertada e ensinanza das relixións, ocultan que o verdadeiro debate da reforma educativa debe pivotar sobre os problemas reais do noso sistema educativo, que son os seguintes:

  • Incremento do investimento en educación.

  • Abandono temperán.

  • Incremento de titulacións medias (graos de FP).

  • Mellora da calidade baixo o parámetro do avance en equidade, igualdade e inclusión.

A Lei debera apostar por unha clara redución de rateos que permita unha modificación metodolóxica e unha atención individualizada que favoreza a inclusión de todo o alumnado. Da mesma forma debera apostar pola potenciación, dentro do horario lectivo do profesorado, de tempos para a cooperación docente e a investigación.

Estes son os temas que deberan ocupar o debate educativo. Unha das principais eivas desta nova lei é a falta dunha memoria económica que garantice o seu desenvolvemento. O obxectivo de acadar o 5% do PIB en educación é moi loable pero se o PIB se contrae pola crise económica, sería insuficiente. 

Desde CCOO ensino continuaremos a traballar, como vimos facendo, na realidade dos problemas do noso  sistema educativo e faremos propostas para que se recollan no proceso de tramitación da lei.