CCOO DENUNCIA A PROPAGANDA E IMPROVISACIÓN DA CONSELLERÍA CO SEU PLAN PARA A ENSINANZA VIRTUAL

A Consellería de Educación mostra unha vez máis a falta de responsabilidade nun novo exercicio de improvisación presentando un plan de ensinanza virtual, que vimos reclamando desde o pasado curso co confinamento que vivimos, que debuxa de novo un horizonte sombrío no ensino galego. Pretender que logo de mes e medio de curso, no prazo dunha semana os centros educativos elaboren un plan de ensinanza virtual coas ferramentas actuais non é máis cun desprezo absoluto a toda a comunidade educativa.

Ao longo destes últimos meses foron varias as ocasións que desde CCOO ensino denunciamos a falta de previsión e organización por parte da Consellería de Educación para afrontar o novo curso escolar coas garantías educativas e sanitarias que obrigaban nestas circunstancias tan imprevisibles. Mesmo ofrecemos a posibilidade de crear un grupo de traballo ao fin de traballar na dirección dunha volta ás aulas segura e que permitise a presencialidade en todo momento. 

As mostras de inacción e soberbia foron continuadas e tras o anuncio das folgas que se produciron ao inicio de curso, desembocaron en que o propio Feijoo tivo que cesar á Conselleira e ao seu equipo. Maila isto, o novo Conselleiro parece que vai polo mesmo camiño. Só ante a amenaza dun novo confinamento ou o peche dalgún centro en concreto, precipita a presentación dun plan que carece de toda lóxica e organización.

Todas as medidas que anuncia este plan, non están preparadas: O profesorado non rematou a formación que comezou ao respecto dateledocencia, non hai unha regulación específica do teletraballo no eido do ensino, as ferramentas informáticas non están actualizadas, etc. Para CCOO ensino, este plan é un esperpento. De ningún xeito se pode facer o mesmo horario. Os nenos e nenas de 8 anos non poden  levar de xeito adecuado sen axuda unha clase virtual. Non contamos cos medios precisos en todas as familias de equipamentos e conexións adecuadas para a teledocencia. A ferramenta de videoconferencias non funciona adecuadamente e son miles os docentes que xa usan na actualidade outras alternativas non oficiais. A plataforma das aulas virtuais, seguen sen actualizarse polo que as webs dos centros non poden visualizarse desde un dispositivo móbil de xeito correcto. Nin sequera o profesorado conta con espazos virtuais axeitados onde volcar os contidos e poder compartilos.

CCOO ensino, urxe a crear un equipo de traballo onde se estableza un plan de docencia virtual serio e rigoroso antes de presentalo á comunidade educativa. Este plan debe  ir acompañado do investimento necesario para a regulación do teletraballo, e de todas aquelas medidas que eviten por todos os medios posibles o peche das aulas, como son máis desdobres, menos ratios, medidas de ventilación coas obras precisas, máis persoal de limpeza para garantir a hixiene e desinfección adecuadas nos centros educativos, etc.