Unha xuntanza que non aportou solucións aos problemas dun curso marcado pola COVID19

A xuntanza celebrada entre o Conselleiro de Educación Román Rodríguez e as organizacións con representación na Mesa Sectorial no foi máis que un relatorio de datos para demostrar que a situación de Galicia é mellor en números que a doutras comunidades e unha relación de medidas xa tomadas pola administración galega pero que non aportou nada novo ao panorama do ensino galego nestes tempos de pandemia.

CCOO-Ensino na súa intervención deixou clara a súa aposta pola presencialidade na escola, pero por unha presencialidade segura e entendemos que o actual protocolo non responde de forma adecuada á seguridade que nós demandamos. Esiximos reforzar os cadros de persoal  nas etapas de infantil e primaria de tal forma que non sópermitan os desdobres senón tamén  asegurar as gardas e substitucións que están a provocar as corentenas que van aparecendo tanto no alumando como nos propios fillos e fillas e resto de convivintes do profesorado. A falta de profesorado está a provocar xornadas lectivas superiores ás legais; as entradas e saídas escalonadas en moitos casos incrementan en dúas horas e media a xornada lectiva semanal do profesorado.

CCOO-Ensino demandou a dotación centralizada de material de protección acaído ás funcións que realizan as traballadoras e traballadores, ao que a administración contestou que estaban tomando medidas para centralizar esa dotación. Asi mesmo esiximos o incremento de persoal de limpeza nos centros, xa que un mes despois do Acordo do Consello da Xunta segue habendo moitas deficiencias en moitos centros chegando incluso a non cumprirse o protocolo.

CCOO denunciou o incumprimento da Lei de prevención de riscos laborais e demandamos celeridade á hora de acometer a cualificación de persoal especialmente vulnerable a COVID19 e a realización de probas PCR ao persoal substituto e ao reingresado ou que volve dun permiso longo; tamén esiximos as PCR para que o persoal Auxiliar de Conversa poida iniciar o seu traballo nas aulas, sobre este último colectivo se nos responde que o van facer de xeito inmediato.

En cuestion económica, ante certos rumores interesados, CCOO-Ensino pediulle ao Conselleiro que manifestara publicamente que se vai a efectuar o pagamento do ultimo tramo do Acordo de Homologación Salarial. O Director Xeral de Centros e Recursos Humanos contesta que está garantido o pagamento do acordado. 

Asi mesmo incidimos en que é necesario comezar a planificar o desenvolvemento da OPE xa convocada, que teoricamente terá lugar en xuño de 2021. Hai tempo por diante para facer unha boa planificación. É importante para todas as opositoras e opositores coñecer que posibilidades de celebración existen e en que condicións se realizarán.

CCOO esiximos a regulación do teletraballo sobre todo por non ser descartable unha volta a un posible confinamento e esiximos a retirada e negociación do plan para un ensino virtúal presentado esa mesma mañán aos medios de comunicación antes que aos representantes das e dos traballadores. CCOO-Ensino rexeita ese plan por improvisado e porque todas as medidas que anuncia non están preparadas: o profesorado non rematou a formación que comezou ao respecto da teledocencia, as ferramentas informáticas non están actualizadas, etc. Para CCOO ensino, este plan é unha falacia. De ningún xeito se pode facer o mesmo horario que no ensino presencial. Non contamos cos medios precisos en todas as familias de equipamentos e conexións adecuadas para a teledocencia e a administración debe dotar ao profesorado deses medios. A ferramenta de videoconferencias non funciona adecuadamente e son miles os docentes que xa usan na actualidade outras alternativas non oficiais. A plataforma das aulas virtuais, seguen sen actualizarse polo que as webs dos centros non poden visualizarse desde un dispositivo móbil de xeito correcto. Nin sequera o profesorado conta con espazos virtuais axeitados onde volcar os contidos e poder compartilos. 

A administración fixo referencia constante na xuntanza ao diálogo, pero  actitudes como a presentación aos medios do plan para o ensino dixital sen previa negociación amosan que os usos e costumes seguen a ser os mesmos. CCOO bríndase a iniciar un diálogo que nos permita identificar as eivas e colaborar na solución dos problemas que nos visualizamos pero advertimos que se a Consellería segue adiante tomando decisións que afectan ás condicións laborais das e dos traballadores que representamos de forma unilateral, á marxe do diálogo social, atoparanos en fronte e á fronte do conflito social.