Pasar de curso sen esixir un límite de suspensos: as claves do novo decreto de Educación

CCOO apoia as medidas establecidas no novo Real Decreto-lei 31/2020, do 29 de setembro polo que se adoptan medidas urxentes no ámbito da educación non universitaria, xa que a repetición de curso debe ser algo totalmente excepcional.

Publicado o 27 de outubro de 2020

Que establece o decreto?

A medida máis destacable é que se permitirá ás administracións educativas modificar os criterios de avaliación, promoción e titulación en Primaria, Secundaria, Bacharelato e FP para adecualos mellor á situación provocada pola pandemia.

En concreto, no seu artigo 6 recóllese que os equipos docentes adoptarán as decisións relativas á obtención do título de acordo co regulado no seu caso polas administracións educativas, de forma colexiada, baseándose para o de ESO na adquisición dos obxectivos xerais establecidos para a etapa e o desenvolvemento das competencias. 

Artigo 6. Criterios para a titulación na Educación Secundaria Obrigatoria e en Bacharelato.

Os equipos docentes adoptarán as decisións relativas á obtención do título de acordo co regulado no seu caso polas administracións educativas, de forma colexiada, baseándose para o de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria na adquisición dos obxectivos xerais establecidos para a etapa e o desenvolvemento das competencias, e no de Bacharel, na evolución do alumno ou alumna no conxunto das materias, e a súa madurez académica en relación cos obxectivos do Bacharelato e as competencias correspondentes. A decisión de titulación adoptarase garantindo a adquisición dos obxectivos xerais da etapa de maneira que permitan ao alumno ou alumna continuar o seu itinerario académico e, en consecuencia, non quedará supeditada á non existencia de materias sen superar para o acceso a ambas as titulacións. En todo caso para a obtención do título de Bacharel será necesaria unha cualificación media igual ou superior á requirida para a superación de cada materia.

Real Decreto-lei 31/2020, do 29 de setembro 

Estas modificacións son «medidas excepcionais, e de carácter temporal». Estará en vigor mentres dure a situación sanitaria derivada da pandemia, que é a que fai que a educación non poida desenvolverse en condicións normais.

Significa isto que se pode pasar de cursos con todas as materias suspensas?

A nova norma non significa que o alumnado con suspensos deba pasar de curso. É o equipo docente o que decide de forma global e colexiada quen promociona cada curso. Son os docentes quen mellor coñecen ao alumnado e a súa evolución académica.

O alumno/a pode promocionar ou titular se o equipo docente, de maneira colexiada e global, valora que o estudante adquiriu os obxectivos xerais da etapa de maneira que lle permitan continuar o seu itinerario académico. Faise unha avaliación global, non  fragmentada. Terase en conta non só as competencias adquiridas polo alumnado senón tamén o desenvolvemento integral do alunado como persoa e como cidadán ademáis de considerar a súa saúde emocional. De igual forma, con estas variables, pódese decidir que o alumno/a debe repetir curso.

Deberiamos ter superado o debate de se a repetición é un instrumento acaído ou non. Parece que moitos non son capaces de identificar, ignorando multitude de informes,  a repetición de curso como un dos problemas máis graves do noso sistema educativo intimamente relacionado co incremento do abandono temperá.

Desde CCOO ensino, coincidimos con todos os informes internacionais que indican a necesidade de “evitar o recurso da repetición como medio fundamental para tratar os problemas de aprendizaxe”.  Consideramos que a medida da repetición de curso debe ser un recurso excepcional sempre, á que unicamente poida recorrerse despois de ter intentado por outros medios a recuperación das competencias non adquiridas.  

No noso sistema educativo abúsase da repetición nas etapas da educación obrigatoria. Isto ten un custe para o sistema superior ao que tería o establecemento de procedementos de detección temperá das dificultades de aprendizaxe, de apoio ao alumnado, de reforzo e recuperación de competencias. Se optamos por reforzar a atención ao alumnado con peor ISEC (Índice socioeducativo e cultural) producirase unha maior eficiencia do que algúns denominan gasto que en educación non é tal senón investimento.

Porén, para CCOO ensino, estas medidas de reforzo e seguimento do alumnado, pasan por unha maior dotación de recursos tanto humanos como materiais, unha redución das ráteos que permitan ao profesorado unha mellor atención e dedicación así como unha formación continuada e específica do profesorado.