CCOO logra que os tribunais recoñezan o dereito do persoal laboral da USC ao Fondo de Acción Social nos anos 2018 e 2019

A sala do Social do TSXG ven de ditar sentenza recoñecendo este dereito e afirmando que a USC vulnerou os dereitos de negociación colectiva e liberdade sindical e da un prazo de 30 días para negociar as contías definitivas.

Publicado o 30 de setembro de 2020

CCOO presentou demanda de conflito colectivo diante do TSXG conta a decisión da Universidade de Santiago de negarse a negociar e a constituír e realizar aportacións ao Fondo de Acción Social e de xeito específico ao Plan de Pensións nos exercicios dos anos 2018 e 2019.

CCOO demandara á xerencia da USC que unha vez levantada a prohibición a nivel estatal se retomaran as aportacións ao Plan de Pensións ata completar o previsto no Convenio Colectivo. A xerencia interpreta que non existe no Convenio Colectivo a obriga de facelas  polo que non continuaría con elas.

O tribunal recoñece o dereito dos traballadores a esta aportación e a contía das mesmas será a que corresponda de acordo co artigo 87 do Convenio colectivo, no que se regula o fondo de acción social, e a resultas dun proceso negociador a celebrar entre as partes no prazo de trinta días.

A sentenza da Sala do Social impón tamén o dereito da parte sindical a ser reparada e indemnizada pola vulneración do dereito de negociación colectiva establecéndose na sentenza que se evidencia “unha absoluta falta de vontade negociadora por parte da Universidade, cuxa estratexia parece máis ben encamiñada a bloquear e impor ríxidamente a súa decisión de non continuar con esas aportacións, xa adoptada, sen ofrecer alternativas nin sequera permitir discutir o dilucidar acerca da contía que legal ou convencionalmente resulte procedente a tenor da normativa aplicable”

CCOO espera que dada a rotundidade da sentenza a USC dea cumorimento á mesma e se chegue a un acordo sobre as contías  do Fondo de Acción Social no prazo estipulado.