CCOO-Ensino esíxelle á Consellería a dotación inmediata de EPI ao persoal dos centros educativos

A Lei 31/1995, de 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, establece no seu artigo 17.2 que “O empresario deberá proporcionar aos seus traballadores equipos de protección individual adecuados para o desempeño das súas funcións e velar polo uso efectivo destes cando, pola natureza dos traballos realizados, sexan necesarios”.

No Protocolo de adaptación dos centros escolares á COVID-19, no apartado 6.1, establécese que “A consellería realizará un aprovisionamento inicial de elementos de sinalización e máscaras de protección. Corresponde ao equipo formado na COVID-19, en colaboración coa secretaría do centro, o inventario das mesmas e arbitrar un mecanismo de distribución que acredite a súa entrega e o seu consumo para a actividade propia do centro”.

Non todas as traballadoras e os traballadores realizan as mesmas funcións nin da mesma forma, polo que a dotación das máscaras debe responder á situación particular de cadaquén. Neste sentido, hai colectivos que teñen unha maior exposición ao contaxio pola especificidade do seu traballo, como pode ser o profesorado de Pedagoxía terapéutica, Audición e Linguaxe, profesorado que imparte docencia en talleres de formación profesional, profesorado de conservatorio nas especialidades de Instrumento, especialmente da familia de vento, persoal de limpeza… Todos estes colectivos teñen en común un traballo con maior proximidade ao alumnado, realización de actividades en que non se pode utilizar a máscara ou manter a distancia (uso de depresores linguais, soplar un instrumento, observar o traballo nun torno, limpeza de baños, uso de materiais tóxicos…).

CCOO-Ensino lembra a obriga que toda empresa ten de dotar a todo o persoal do centro de máscaras ou calquera EPI necesario en todo momento, e que esta dotación sexa centralizada e non quede nas mans dos centros, sobresaturados neste momento.