Un inicio de curso catastrófico: o afundimento da Consellería de Educación

O pasado día 10 comezou o curso escolar en primaria, con numerosas aulas onde había 25 nenos e nenas e sen as medidas axeitadas para garantir a saúde do alumnado así como do profesorado e do resto de traballadoras e traballadores dos centros educativos.

Alén disto, a día de hoxe, non están os cadros de profesorado completos, o que complica máis se cabe este inicio de curso. O persoal que traballa na limpeza e hixiene dos centros comezou con recortes, falta de indicacións e unha morea dedescoordinacións da administración. 

Asemade, a folga que convocamos algunhas organizacions sindicais foi respondida pola propia Consellería cuns servizos mínimos desproporcionados, facendo un boicot lamentable a un dereito fundamental dos traballadores e traballadoras.

Por outra banda, a Consellería de Educación viuse obrigada a adiar unha semana o inicio de curso nas ensinanzas de secundaria, non só pola presión das OOSS senón tamén polos propios equipos directivos que estaban trasladando a imposibilidade de comezar o día 16 debido aos constantes bandazos nos cambios do protocolo que veu facendo a Consellería.

Neste senso, CCOO Ensino denuncia as mentiras desta Consellería ao afirmar que atrasa o inicio de curso en secundaria para garantir os desdobramentos das aulas, cando en realidade as instrucións da Inspección indican aos centros que se utilicen anteparos de separación para non desdobralas. Deste xeito, atopariamos aulas de 30 alumnos ou máis, coa distancia de seguridade que ofrece un anteparo e evitando así os desdobramentos que a Consellería aseguraba para garantir 1,5 metros de distancia persoal.

CCOO Ensino asegura que vai haber problemas de inicio igualmente o día 23, xa que será imposible dispor dos anteparos necesarios en todos os centros educativos. 

Desde o sindicato, animamos a todos os equipos directivos a denunciaren os casos en que se lles neguen os desdobramentos, xa que entendemos que o protocolo marca precisamente esa opción e o consecuente aumento de profesorado.

En resumo, estamos ante a peor xestión posible dun inicio de curso escolar, cunha remuda de conselleira a tres días antes do seu comezo e un cambio na propia cúpula da Consellería. Adíase o inicio de curso polos cambios de criterio da Administración, miles de docentes de secundaria non saben aínda onde van traballar, prodúcense continuas rectificacións de instrucións que dificultan os labores dos equipos directivos… Un conxunto de despropósitos que só se poden interpretar como un desprezo absoluto do Goberno da Xunta ao eido educativo.

Por todo isto CCOO-Ensino e as outras organizacións convocadoras trasladamos para o día 23 de setembro, coincidindo co inicio das actividades lectivas, a convocatoria de folga prevista a prol dun ensino presencial e con seguridade que semella que o novo equipo da Consellería non parece ter a intención de promover.