A Consellería implementa medidas para reducir a distancia interpersoal de 1,5 m en secundaria.

O protocolo publicitado o 31 de agosto establecía como criterio prioritario de organización a distancia interpersoal de 1,5 m para o alumnado de secundaria. Naquelas aulas nas que non fora posible procederíase ao desdobre do grupo. Polo tanto era obrigatorio, en todos os casos sen excepción o mantemento da distancia de 1,5m.

Durou pouco este criterio, xa que o novo Conselleiro de Educación anunciou no Consello Escolar de Galicia, reunido o dia 9, un plan estratéxico para o ensino semipresencial, que non é máis que unha excusa para evitar os desdobres na etapa de Secundaria.

A Consellería escúdase no anuncio de moi poucos centros da imposibilidade de realizar os desdobres para poder incluír de forma xeral o ensino semipresencial en todos os centros.

O día 10 de setembro a Inspección comunica un novo criterio para a organización das aulas de Secundaria, que é a posibilidade de utilizar mamparas entre os alumnos, advertindo que deste modo non é preciso gardar a distancia de 1,5m entre postos, podendo reducirse esta a 1 m. De novo tamén se evita facer desdobramentos.

Con esta decisión a única medida que melloraba o protocolo e que desde CCOO valoramos  de xeito positivo, queda totalmente anulada.

CCOO denuncia a falta de planificación da Consellería que esta a dificultar aos centros a organización do mesmo, con continuos vaivéns nos criterios de organización e que esconden única e exclusivamente a nula intención de investimento en educación.

Estas decisións imposibilitan o inicio do curso con total seguridade polo que CCOO-Ensino esixe o aprazamento do inicio de actividades lectivas nestas ensinanzas.

CCOO-Ensino fai fincape en que o protocolo do 31 de agosto segue vixente e recomenda aos centros que o criterio prioritario a utilizar debe ser a distancia interpersoal de 1,5 m e polo tanto no caso de non poder mantela, débense desdobrar os grupos.