A Comunidade educativa mobilízase e expresa o seu rexeitamento ao Protocolo COVID.

O profesorado concéntrase nas cidades galegas o día de inicio da actividade lectiva en E. Infantil, Primaria e E. Especial a pesar do boicot á folga perpetrado pola administración.

Publicado o 10 de setembro de 2020

O profesorado galego expresou o seu rexeitamento ao protocolo de adaptación á COVID19 dos centros escolares en nutridas concentracións que tiveron lugar nas cidades e vilas de Galicia e na folga convocada por CCOO e outras centrais sindicais.

A Convocatoria de folga contou co boicot da Conselleria que se manifestou en diversas medidas ao longo dos días seguintes á convocatoria.

En primeiro lugar unha entrada escalonada decidida pola Consellería o mesmo día que se facía pública a convocatoria da mesma.

Logo uns servizos mínimos abusivos que foron outro elemento de desactivación da folga. No persoal non docente foi imposible exercer ese dereito, xa que é o 100% do persoal quen ten a obriga de servizos mínimos. E no profesorado esta posibilidade tamén queda moi mermada ao ter que asistir un docente por aula garantindo así a actividade lectiva ordinaria de todo o alumnado que asista ao centro.

A Consellería prefire boicotear a Folga que sentarse a negociar cambios no protocolo, especialmente para as etapas de Infantil e Primaria na liña do que fixo na etapa de Secundaria. Teima cos "grupos de convivencia estable" ou "grupos burbulla" que son unha gran mentira. 

Onte no Plenario do Consello Escolar de Galicia a administración presentou dúas novidades no protocolo, a creación dun Comité de Expertos e o Plan Estratéxico para o Ensino Semipresencial, que obviamente manteñen os criterios da administración e non melloran o protocolo xa publicado.

O que se fixo palpable nesta  xornada foi o claro rexeitamento da comunidade educativa ao protocolo imposto pola Consellería a pesar de que ás traballadoras e traballadores se lles impedise o exercicio do seu dereito á folga.