Constituída a Mesa Negociadora do VII Convenio Colectivo do Ensino Concertado

Este luns 7 de setembro quedou constituída a Mesa Negociadora do VII Convenio Colectivo de empresas de ensino privado sostidas total ou parcialmente con fondos públicos, acto que se aprazou o pasado 27 de febreiro ao negarse a admitir  FSIE e USO os certificados de representatividade achegados por CCOO que incluían tamén os datos electorais do País Vasco. 

A nosa insistencia deu os seus froitos. As razóns esgrimidas para non constituíla no seu momento carecen de xustificación algunha no plano sindical e xurídico xa que estamos ante un convenio de ámbito estatal que debe de incluír os datos de representatividade de todos os territorios, independentemente de se teñen ou non convenios autonómicos. 

A determinación de CCOO e a rectificación desas organizacións sindicais, que agora recoñecen que tiñamos razón, supón dar inicio ao proceso de negociación tras 11 meses de dúbidas e  inacción dos sindicatos maioritarios. 

Fixáronse as primeiras reunións para os días 13 e 27 de outubro. Dende CCOO esiximos que todas as organizacións se poñan a traballar canto antes para recuperar o tempo perdido.

 

Táboas salariais do Persoal Docente non concertado e do Persoal de Administración e Servizos

Transcorridos 9 meses deste 2020, no que as dúas organizacións maioritarias non mostraron o máis mínimo interese por acordar os incrementos salariais de miles de traballadores e traballadoras deses colectivos, CCOO esixirá que se aborde este tema na primeira reunión da Mesa Negociadora do VII Convenio Colectivo para actualizar as súas retribucións pendentes .