A Consellería reacciona diante da convocatoria de folga para o inicio de curso.

Feijoo e a Conselleira de Educación tiñan anunciado a publicación do protocolo para o día 7 de setembro e non pasaran nin 24 horas do anuncio da convocatoria de folga para que o fixeran público. Despois de insistir que o inicio de curso en Galicia non ía sufrir modificacións atopámonos cunha volta escalonada ás aulas en cinco días en lugar de facelo nos días 10 e 16 de setembro. Lamentablemente as organizacións sindicais e as e os traballadores do ensino volvemos enterarnos desta nova polos medios de comunicación e a web da Consellería. Este é o valor que este goberno lle dá ao diálogo social.

O cambio máis importante que presenta o novo protocolo é a modificación do criterio da distancia na ESO e Bacharelato. Aquí si se respectan os 1,5 m que recomendan as autoridades sanitarias e se contempla o desdobre naqueles grupos nos que non se poida cumprir con este criterio. Na práctica suporía unha redución de rateos. Consideramos inexplicable que este cambio de criterio non se aplique nas etapas de Educación Infantil e Primaria.

CCOO-Ensino considera estes cambios totalmente insuficientes.

Dísenos que en Infantil e Primaria conformaranse grupos estables de convivencia e que desa forma se elimina a necesidade de manter a limitación de distancia. Non deixa de ser un pretexto e un engano pois de ningunha forma se pode garantir a estanqueidade deses grupos máis alá das actividades realizadas dentro do recinto escolar e aínda así con moita dificultade. O alumnado sae do centro e relacionase con outras persoas do seu entorno incluíndo alumnado doutras aulas do centro. Cando todas as autoridades sanitarias recomendan manter a distancia social é unha irresponsabilidade e unha temeridade eliminala nos fraudulentos grupos estables e regular que nestes casos “a distancia a manter entre postos escolares será a máxima que permita a aula”. Atopámonos de novo co criterio de escolarizar “a custe cero” á marxe da protección da saúde.

Neste novo protocolo mantense o traslado das funcións propias da administración, dos servizos técnicos e do persoal sanitario (redacción do plan de adaptación, o plan de continxencia, coordinación do comité COVID, subministro e control dos materiais de protección…) , aos equipos directivos e ao profesorado.

Os criterios para a limpeza e desinfección son insuficientes, faise imprescindible o incremento do persoal para asegurar as condicións mínimas de fiabilidade. 

A Consellería desenténdese da dotación de EPIs aos seus traballadores e traballadoras. Recordámoslle que corresponde á empresa a dotación dos elementos de protección.

Con respecto á posibilidade dun escenario que obrigue á atención telemática estamos igual que no mes de marzo. Non é de recibo que se inste ao profesorado a que detecte en setembro ao alumnado con dificultades de conexión, xa que son datos que a Consellería ten desde o curso pasado. Por outro lado preténdese que ao longo de setembro o profesorado faga un curso de formación e forme ao alumnado no uso dos medios telemáticos ao mesmo tempo que debe facer a programación do curso presencial e a distancia e atende ao alumnado adaptándose a esta nova realidade. A Consellería esixelles que fagan no mes de setembro todo o que ela non fixo desde o mes marzo.

CCOO-Ensino esixe para as etapas de E. Infantil e Primaria un tratamento análogo ao resto de etapas no que respecta ao mantemento da distancia interpersoal coas consecuencias que isto conleva.

CCOO-Ensino demanda a apertura de negociacións cos axentes sociais e comunidade educativa para buscar solucións ás eivas que contén o protocolo.