Hoxe presentouse en rolda de prensa o calendario de mobilizacións contra o Protocolo da COVID19 con xornadas de folga o 10 e 16 de setembro.

CIG, CCOO, STEG e CSIF convocamos mobilizacións e folga os días 10 de setembro en Infantil, Primaria e Educación Especial e 16 de setembro no resto de niveis educativos para seguir rexeitando esta imposición da Consellería.

Publicado o 31 de agosto de 2020

A Consellería de Educación mantén a imposición unilateral e sen modificacións do protocolo para a adaptación dos centros educativos galegos para afrontar a covid-19 no curso 2020/21, co que entendemos está a cometer unha irresponsabilidade. Négase a Xunta de Galicia a aplicar as condicións de distanciamento físico entre alumnado fixadas por entidades internacionais pondo en risco a saúde de todo o persoal dos centros educativos, especialmente o máis vulnerable.  
Ademais disto vémonos na obriga de denunciar outras carencias:
 

  • Non existe  unha avaliación de riscos de todos os centros educativos realizada polo servizo de prevención e profesionais con competencia sanitaria.
  • Non se tomaron as medidas oportunas para garantir o dereito á educación en igualdade de condicións no caso de ter que recorrer a modelos de educación a distancia, ben sexa de carácter temporal ou permanente, total ou parcial.
  • Trasladan as competencias que corresponden á propia  administración ou mesmo a servizos técnicos (prevención de riscos, servizos médicos ….) aos equipos directivos, incrementando a súa carga de traballo e obrigándoos a asumir responsabilidades que non corresponden á función directiva.  


Nestes momentos as organizacións sindicais entendemos como imprescindible un compromiso da Xunta de Galicia de incrementar as medidas de seguridade e distanciamento físico fronte ao coronavirus coa conseguinte redución de rateos, o incremento de persoal docente e non docente,  así como unha auténtica negociación do protocolo para podermos ofrecer unha educación presencial coas máximas garantías e unha alternativa de teledocencia con todos os dereitos laborais e de participación do profesorado, do persoal non docente e do alumnado. 
Temos claro que o risco cero non existe, pero a volta á escola debe ser nunha contorna da maior seguridade posible para toda a comunidade educativa.

Velaquí tedes o blogue creado como soporte destas mobilizacións  no que poderedes ler o manifesto do que destacamos os seguintes puntos

Solicitamos especial colaboración coa resolución para Claustros e Consellos Escolares nestes primeiros días de curso ao considerar necesario un debate e posicionamento nos nosos centros sobre a situación incerta e preocupante provocada pola decisión da Consellaría de manter o protocolo actual.

CONCENTRACIÓNS DIARIAS EN TODOS OS CENTROS

Propoñemos que todo o profesorado así como o persoal non docente se concentre cada día a partir do 1 de setembro ás portas dos nosos centros educativos polas mañás no horario que cada centro considere para amosar o noso rexeitamento ao protocolo e a demanda da rectificación da Consellería. 

Aquí podedes descargar material para imprimir directamente desde o blogue e compartilo nas redes sociais. Podedes enviar tamén as fotos ao correo escolacontracovid@gmail.com para poder centralizalas todas. 

Por un ensino presencial con seguridade, movámonos contra o protocolo. #EscolaContraCovid