CCOO-Ensino denuncia que as instrucións sobre Medidas Educativas a adoptar para o vindeiro curso publicadas onte non aportan novidades sobre o protocolo de adaptación dos centros á COVID19.

Dede CCOO-Ensino xa advertimos da sobrecarga de traballo que suporía para os equipos directivos e o profesorado o protocolo de adaptacións dos centros e estas instrucións veñen a confirmalo adxudicando unha serie de funcións que son imprescindibles, pero imposibles de realizar nun período de tempo tan curto. En tan só sete días de setembro (antes da incorporación do alumnado) o equipo directivo debe preparar o programa de acollida, así como organizar os accesos do alumnado ao centro, organización de espazos, sinalización, dotación de material hixiénico e sanitario, supervisión da limpeza… 

No mesmo período de tempo o profesorado ten que realizar as programacións didácticas a partir da avaliación inicial tendo en conta as aprendizaxes non adquiridas no pasado curso e contemplando os posibles escenarios ( presencial, semipresencial ou a distancia) en función da situación sanitaria, e todo isto sen o apoio da administración educativa e sen ningunha medida que garanta o acceso á teledocencia. A Consellería de Educación non se compromete a proporcionar os medios necesarios para o desenvolvemento da actividade (tablets, conectividade, contidos dixitais…).

En definitiva a Administración Educativa segue a trasladar a súa responsabilidade e as funcións que lle son propias ao profesorado e aos equipos directivos.

Mentres noutras comunidades Autónomas hai compromisos e acordos para incrementar persoal, para a redución do horario lectivo dos equipos directivos, para retrasar o inicio da actividade lectiva e aumentar o tempo de planificación… En Galicia non se tratou de chegar a acordos coa comunidade educativa por parte dunha administración instalada na soberbia e que planifica o vindeiro curso a custe cero.

O portal da Consellería esta dedicado á propaganda de medidas como se foran novedosas, cando xa se viñan utilizando en cursos anteriores, como son os contratos programa ou o programa Arco. Esta fórmula de dotación de persoal é discrecional e non vinculada a criterios obxectivos de forma que moitos centros non poden optar a este persoal en igualdade de condicións que outros. Ademais os contratos que ofrecen estes programas son en moitas ocasións de media xornada. O que ignoramos se o número de profesorado a contratar nestas modalidades é maior ou menor que en cursos anteriores.

CCOO-Ensino aposta pola presencialidade pero coas maiores garantías sanitarias posibles. Para isto é imprescindible cumprir medidas de distanciamento o que conleva unha redución das rateos e consecuentemente incremento de profesorado. Retrasar a información sobre o número de profesorado que pode acceder aos contratos ata que se coñeza a matricula en todas as etapas, non é máis que propaganda; a día de hoxe xa coñecemos as matrículas en E. Infantil e Primaria e tamén coñecemos os recortes de profesorado e unidades que se produciron na adxudicación publicada a día 31 de xullo.