CCOO-Ensino e o resto de OOSS con presenza na mesa Sectorial presentan en rolda de prensa as mobilizacións contra o protocolo pola COVID19 para o vindeiro curso

COMUNICADO CONXUNTO 

CIG-ENSINO  CCOO-ENSINO  ANPE  FESP-UGT

A TODO O PROFESORADO DO ENSINO PÚBLICO GALEGO

As catro organizacións que asinamos este comunicado abandonamos no día de onte a Mesa Sectorial de Educación diante da negativa da Consellaría a retirar o despropósito de protocolo que nos fixeron chegar con menos de 48 horas de antelación, logo de ocultalo durante días ou semanas non só ao profesorado senón a toda a sociedade galega por vergoñentos intereses electorais. 

A demanda sindical unitaria foi clara: retirar o protocolo para negociar un novo documento que dea resposta ás demandas do profesorado e do conxunto da comunidade educativa, garantindo un ensino presencial coa máxima seguridade posíbel ao tempo que se adoptan todas as medidas para afrontar con equidade e rigor unha posíbel interrupción da docencia presencial e perante os riscos de contaxio. Nada diso recolle o documento da Consellaría, que descarga toda a responsabilidade nos equipos directivos e no conxunto do profesorado. A negativa rotunda dos responsábeis da Xunta aceptar unha verdadeira negociación lévanos a actuar con responsabilidade e contundencia fronte á irresponsabilidade e a temeridade que vén de amosar a Consellaría con este documento.

Precisamos máis profesorado, máis persoal non docente, un maior distanciamento físico nas nosas aulas e, por tanto, unhas ratios máis reducidas para podermos afrontar cun mínimo de garantía un curso cheo de incertezas diante da evolución da pandemia. 

CHAMAMOS Á MOBILIZACIÓN DE TODO O PROFESORADO E A COMUNIDADE EDUCATIVA: CAZOLADAS EN SAN CAETANO

Nunha rolda de prensa conxunta no día de hoxe, 17 de xullo, as catro organizacións sindicais vimos de convocar un calendario de mobilizacións que comezan neste mes de xullo e que desembocarán en novas mobilizacións nos primeiros días de setembro se antes a Consellaría non rectifica e entra en razón, porque non podemos nin debemos asumir, por responsabilidade e por seguridade, que o curso comece coa “normalidade” que traza o protocolo da Xunta. 

Convidamos a todas as organizacións non presentes na Mesa Sectorial, asociacións, federacións de ANPAs e sociedade en xeral a moverse contra este protocolo e, por suposto, a que todo o profesorado se involucre nesta necesaria reacción contra a indecencia do protocolo.  

ACODE COA TÚA CAZOLA OU TIXOLA Á SEDE DA CONSELLARÍA DE EDUCACIÓN EN SAN CAETANO. FAGÁMONOS OUVIR.

 MÉRCORES 22 DE XULLO ÁS 11:30 HORAS

 MARTES 28 DE XULLO ÁS 11:30 HORAS