CCOO rexeita o protocolo da COVID para o curso 2020-21 presentado pola Consellería por inviable, alonxado da realidade educativa e temerario e solicita a súa retirada.

A Consellería segue instalada na súa posición de filibusterismo electoral, ao presentar este borrador dous días despois de celebradas as eleccións autonómicas e como colofón ao seu estado de permanente campaña electoral dende o inicio da pandemia.

CCOO vén reclamando desde xa fai meses a creación de grupos de traballo para a elaboración dun plan para o desenvolvemento do curso escolar nesta situación excepcional e a implementación de medidas que garantan un ensino de calidade en calquera un dos escenarios nos que nos poidamos atopar, tal e como se lle fixo chegar en diversas peticións á Consellería.

CCOO denuncia que o protocolo presentado denota o descoñecemento do funcionamento interno dos centros e pretende desenvolver o vindeiro curso con total normalidade e a custe cero primando a función conciliadora dos centros educativos. Abordar as medidas propostas sen a redución das rateos e sen o incremento de persoal fai en moitos casos que sexa inviable a súa efectividade e que a función educativa da escola se vexa minimizada. Este descoñecemento ponse de manifesto ao abordar as medidas para a etapa de infantil e a atención do alumnado con NEE.

CCOO denuncia que unha vez máis a Consellería elude a súa responsabilidade e unha vez máis a carga nas costas do profesorado e  dos equipos directivos que teñen que asumir funcións propias da administración e do persoal sanitario. Ademáis do incremento da burocratización redación do plan de adaptación,o plan de continxencia, coordinación do comité COVID, suministro e control dos materiais de protección. 

CCOO fai un chamamento á mobilización das e dos traballadores para expresar o rexeitamento a un protocolo temerario e que prima os aspectos económicos fronte a protección á saúde cunha batería de medidas alonxada da realidade e irrealizables na maior parte dos casos se non se conta con incremento de persoal.