RESOLUCIÓN DO CONSELLO DA FEDERACIÓN DE ENSINO DE GALICIA CON MOTIVO DA CELEBRACIÓN DO ORGULLO LGTBIQ+

O día 28 de xuño conmemóranse os 51 anos das revoltas de Stonewall que motivaron a primeira reivindicación a prol dos dereitos  LGTBIQ+, unha revolta e unha marcha cuxos principais protagonistas foron as persoas máis marxinais da comunidade, especialmente persoas trans, e fortemente racializadas.

51 anos despois e tras a loita protagonizada polo colectivo, foron acadándose dereitos e España converteuse nun país punteiro no mundo en recoñecer a diversidade e os dereitos do colecitvo, ao regularse o matrimonio igualitario en xuño de 2005.

 O camiño foi longo e cheo de espiñas, pois non debemos esquecer que a homosexualidade foi eliminada da listaxe de enfermidades mentais da OMS o 17 de maio de 1990 e a transexualidade  aínda deixou de considerarse un trastorno para pasar a ser considerada unha incongruencia no 2018.

Quince anos despois sopran ventos de involución polo auxe das ideas de ultradereita que negan a realidade LGTBIQ+ e inducen ao odio, incrementándose nos últimos tempos as agresións, o acoso e o fustrigamento ás persoas e que pretenden volver a pechar nos armarios e no medo o colectivo.

Un síntoma desta situación son os estudos que afirman que un 90 % de escolares ten presenciado actitudes LGTBIQ+fobas na escola e que o 72 % do colectivo non visibiliza a súa orientación no traballo por medo a que iso lles prexudique na súa traxectoria profesional.

Este ano, as celebracións están dedicadas a reivindicar o papel das mulleres, lesbianas, bisexuais e transexuais que sofren a invisibilización e unha dobre discriminación, unha por ser mulleres e outra por ser diversas.

Cómpre máis ca nunca defender a visibilidade e os dereitos do colectivo LGTBIQ+ e, sobre todo, das mulleres trans que están a ser vítimas non só dos desmandos da ultradeira, senón dos ataques das propias mulleres e do propio Partido Socialista que as exclúen do movemento feminista aludindo a unha definición binarista do xénero que só pensa na xenitalidade e se aproxima a postulados máis propios da ultradereita, buscando diferenciarse dos seus socios de goberno ao poñer ao pé dos cabalos as persoas máis vulnerables identificándoas como produtos co patriarcado. O recoñecemento das mulleres trans e da autodeterminación de xénero non significa que se borre o resto das mulleres, senón que se lle dá voz a unha diversidade xa existente. Non hai unha forma única de expresar e ser do xénero.